Conde avoga por aproveitar Navalia para “tecer novas alianzas e seguir medrando de cara a ofrecer a máxima calidade e competitividade”

2014-04-28
  • Resalta a importancia para o sector naval dunha feira que supón o maior encontro de estaleiros de todo o mundo celebrado en España
  • “Cada dous anos, Navalia ten conseguido levar o nome de Galicia e o prestixio do seu sector naval aos principais mercados de todo o mundo”, explica
  • Aposta por impulsar a innovación na industria a través da Estratexia de Especialización Intelixente, que ten no naval un dos seus principais protagonistas
  • Lembra os avances acadados polo sector desde a anterior celebración da Feira en 2012, procurando vías de financiamento, obtendo un novo tax lease ou acadando a confianza da cuarta petroleira do mundo para a consecución de contratos

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe, durante a presentación da quinta edición da feira internacional do sector naval, Navalia 2014, por aproveitar as oportunidades dun evento que se configura como o maior encontro de estaleiros de todo o mundo celebrado en España. Neste sentido, Conde destacou a participación dos principais axentes internacionais do sector, un feito que permitirá amosar o potencial do naval galego para “tecer novas alianzas e seguir medrando de cara ofrecer a máxima calidade aos prezos máis competitivos”.

“Cada dous anos, Navalia ten conseguido levar o nome de Galicia e o prestixio do seu sector naval aos principais mercados de todo o mundo”, explicou Conde. Neste contexto, e grazas á implicación de distintos subsectores como o da construción de buques, auxiliares, servizos de enxeñería e financeiros, autoridades portuarias ou servizos marítimos, Navalia configúrase como “un espazo perfecto” para seguir traballando a prol do naval galego.

Este esforzo, explicou o conselleiro, debe atender á capacidade produtiva do sector e á competitividade dos seus estaleiros; ao impulso da industria auxiliar, expoñente do potencial galego neste campo e parte moi importante do futuro da industria; e ao fomento da innovación.

Para isto, explicou Conde, a industria conta cunha “ferramenta privilexiada”, a Estratexia de Especialización Intelixente – RIS 3, que ten no naval un dos seus principais protagonistas. Esta Estratexia, subliñou, confire ao naval unha oportunidade inmellorable para “potenciar o seu saber facer” e “buscar novos nichos de mercado que o posicionen na industria do petróleo ou na construción offshore”.

“Navalia resulta o mellor escenario posible para seguir dando os pasos oportunos”, sinalou o titular de Economía e Industria, quen lembrou que o carácter bienal da Feira fan dela, tamén, un momento propicio para constatar o importante traballo levado a cabo polo sector desde a anterior edición de 2012.

“Hai dous anos, o naval galego atravesaba unha complexa situación escenificada en diversos frontes”, apuntou Conde. Así, o conselleiro resaltou o importante traballo levado a cabo polo sector neste tempo, o que lle ten permitido procurar vías de financiamento como o Fondo de Garantías de Pymar; obter un novo tax lease, que xa se está concretando en contratos en España e que, moi pronto, se visualizarán en Galicia; ou acadar a confianza de Pemex, a cuarta petroleira do mundo, coa conseguinte carga de traballo para os estaleiros galegos e toda a industria auxiliar.

“A visión de conxunto aínda non é a desexada, pero os esforzos están a ser grandes e estamos convencidos de que temos un gran futuro por diante”, explicou Conde, quen avogou por aproveitar as oportunidades que ofrecerá a quinta edición de Navalia como expoñente da imaxe de Galicia e do seu sector naval.