A Xunta, as universidades, os centros tecnolóxicos e o Clúster Tic alíanse para impulsar o crecemento do sector a través do programa Transformatic

2014-04-21
  • Busca garantir o aliñamento entre os esforzos públicos e privados, reforzar a transferencia do coñecemento ao mercado e fortalecer o sector tecnolóxico
  • Aposta pola compra pública innovadora para o desenvolvemento de proxectos TIC no sector público e o impulso á incorporación da tecnoloxía nos principais sectores produtivos
  • O programa contempla a creación dun sistema de apoio integral ao emprendedor dixital e medidas para maximizar a captación de fondos de convocatorias de I+D+i
  • Favorecerá a presenza do sector no exterior para conseguir incrementar a súa cifra de negocio en cinco puntos porcentuais tanto no mercado español como na Unión Europea e noutros continentes

A Xunta, as tres universidades galegas, os centros tecnolóxicos dedicados ás tecnoloxías da información e a comunicación, e as empresas do Clúster TIC se aliaron hoxe para poñer en marcha o Programa Transformatic, que busca aliñar os esforzos públicos e privados para fomentar o emprendemento dixital, a transferencia da innovación ao mercado e o fortalecemento do sector tecnolóxico galego.

O acordo materializouse coa firma dun convenio entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o reitores das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, Juan Casares, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato, respectivamente; o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral; o director do Centro Tecnolóxico Gradiant, Fernando Pérez; o coordinador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), Sebastián Luis Bamonde; e o director do CESGA, Javier García.

O acto estivo presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que resaltou a importancia das TIC para o crecemento e a xeración de emprego, empregando directamente a 15.000 galegos, pero que afectan a todo o tecido produtivo. “As TIC contribúen en máis dun 40% ao incremento da produtividade de calquera sector. Sen TICs, polo tanto, non hai pemes innovadoras, nin traballo, nin futuro”, dixo Conde.

Tamén se salientou a importancia que as TIC terán na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que guiará a mobilización de 1.600 millóns de euros en investimento innovador en Galicia desde 2014 ata 2020. Na RIS3 as TIC planean sobre as dez prioridades que conforman os tres grandes retos da estratexia, o que suporá unha reforzada aposta investidora da Xunta no sector tecnolóxico, unha aposta na que se engloba o Programa Transformatic.

O programa estrutúrase en 8 eixos estratéxicos con 13 liñas de actuación para acadar os seus obxectivos e impulsar a Estratexia de Crecemento Dixital de Galicia, aprobada recentemente, e que contempla como unha das súas prioridades a potenciación do sector TIC galego.

Fortalezas e necesidades

A directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que Galicia xa conta importantes fortalezas para converter o sector TIC en catalizador dos restantes sectores produtivos pero que é preciso fomentar o emprendemento, a innovación e a internacionalización e promover unha maior especialización e adaptación do capital humano ás necesidades do sector.

A responsable de política tecnolóxica da Xunta recordou que a Comunidade conta con tres centros tecnolóxicos de prestixio (Gradiant, CITIC e CESGA), máis de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC no sistema universitario galego con numerosos grupos de investigación en activo como o Centro de Investigación en TIC (AtlantTIC) da Universidade de Vigo e do Centro Singular de Investigación en TI (CITIUS) da Universidade de Santiago, e máis de 2.000 empresas tecnolóxicas.

Sobre esa base o Programa Transformatic establece dous primeiros eixos de actuación: o impulso da demanda temperá no sector público e nos sectores estratéxicos, para desenvolver iniciativas articuladas a través da compra pública de tecnoloxía Innovadora; e, en segundo lugar, o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de gran envergadura nos sectores estratéxicos para Galicia.

Fortalecemento do sector TIC

O seis eixos restantes do Programa están orientados a fortalecer o sector TIC. O primeiro céntrase no capital humano co obxectivo de aliñar a oferta formativa e as necesidades que demanda o mercado, analizando as políticas de formación que se están a impulsar desde a Xunta e as necesidades do mercado a medio e longo prazo de cara a definir novos programas formativos e para incrementar o número de titulados TIC.

Favorecerase ademais o apoio á I+D+i e a transferencia tecnolóxica entre os grupos de investigación e as necesidades do sector TIC e dos sectores estratéxicos. Dentro desta liña fomentarse a consolidación dos centros tecnolóxicos galegos como centros de referencia a nivel estatal e internacional.

Crearase tamén un sistema de apoio integral ao emprendedor dixital en todo o ciclo de vida do proxecto, desde o nacemento da idea ata a fase de comercialización, favorecendo a creación de novas empresas de base tecnolóxica.

O programa favorecerá a presenza do sector no exterior para incrementar a súa cifra de negocio en cinco puntos porcentuais tanto no mercado español como na Unión Europea e no resto do mundo, e con este obxectivo potenciaranse as políticas de apoio á internacionalización do sector TIC. Ademais, desenvolveranse medidas de atracción de investimento para a implantación de empresas tecnolóxicas en Galicia e, por último, se maximizará a captación de fondos de convocatorias de I+D+i estatais e europeas.