Conde destaca ao laboratorio lucense AMSlab como exemplo dos valores de emprendemento innovador da estratexia de especialización intelixente (RIS3)

2014-04-11
  • O conselleiro de Economía e Industria visita as instalacións da empresa de análises químicos no polígono de O Ceao, onde leva a cabo 40.000 probas analíticas cada ano en múltiples sectores, especialmente o téxtil e o da alimentación
  • Resalta a aposta polo talento galego da empresa, crecendo de 5 a 60 empregados desde 2008 apoiándose tanto nos apoios públicos da Xunta como en fondos de capital risco como Unirisco
  • Subliña o potencial internacionalizador da empresa, que pese á súa xuventude xa vende os seus servizos a varios continentes e ten representación permanente en tres países

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe ao laboratorio lucense AMSlab como exemplo dos valores de emprendemento innovador impulsados pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), o documento que guiará o investimento de 1.600 millóns de euros en innovación ata 2020 para transformar a economía galega.

Conde salientou que a empresa é “a imaxe do que Galicia quere ser en 2020”, e resaltou que eses valores de emprendemento innovador se concretan “nun grupo de expertos que apostan por coñecementos químicos de vangarda para crear un servizo capaz de competir a nivel global, apoiándose en iniciativas públicas como Innterconecta e Conecta Peme”. Deste xeito, explicou, leva a cabo 40.000 probas analíticas cada ano en múltiples sectores, especialmente no téxtil e alimentario, “converténdose pronto en referente de Lugo e de Galicia”.

Con só seis anos de vida, apuntou Conde, a empresa se ten convertido ademais nun referente en canto á atracción de talento (pasando de 5 empregados en 2010 a 60 na actualidade, tras a compra da viguesa Xenotechs) e de mobilización de capital privado a partir do investimento público, complementando os fondos aportados polo Goberno galego desde a súa creación coa confianza de investidores como o fondo de capital risco Unirisco.

“AMSlab fai unha aposta moi importante por atraer talento, por crecer e por xerar traballo en Lugo”, incidiu Conde, quen explicou que a súa presenza en Galicia configúrase como unha mostra clara que reflicte que desde “Lugo tamén se pode exportar capital humano, tecnoloxía e coñecemento”.

Neste sentido, AMSlab foi recoñecido este mesmo ano co accésit de compromiso social nos premios da Confederación Española de Asociacións de Xoves Empresarios, feito que, como lembrou Conde, fan a “empresa coñecida fora das nosas fronteiras”.

Os laboratorio están xa tendo éxito en mercados como Latinoamérica, África e Centroeuropa, e de feito xa ten incluso representación en Marrocos, Italia e Portugal. “Neses mercados, AMSlab está a facer de embaixador do talento galego, simbolizado precisamente neste proxecto emprendedor”, concluíu Conde.