O Cesga respalda cos seus sistemas de supercomputación a busca de novos fármacos da Universidade de Santiago no marco do proxecto Innopharma

2014-04-02
  • O Centro de Supercomputación de Galicia, adscrito á Consellería de Economía e Industria, se porá ao servizo da plataforma que une as capacidades dos equipos liderados polos doutores Ángel Carracedo e Mabel Loza
  • A iniciativa busca aumentar a transferencia de coñecementos ao mercado e potenciar o sector farmacéutico en Galicia

O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) apoiará cos seus sistemas de supercomputación a busca de novos fármacos que a Universidade de Santiago está a levar a cabo no marco do proxecto Innopharma. Esta iniciativa inclúe a creación dunha plataforma de farmacoxenómica que une as capacidades das Plataformas de Xenómica e de Cribado de Fármacos da universidade, liderados polos doutores Ángel Carracedo e Mabel Loza, respectivamente.

O obxectivo de Innopharma é suplir a falta de transferencia entre os centros de coñecemento e o mercado en Galicia. Desta forma, mediante o establecemento de colaboracións estratéxicas entre os ámbitos público-privados do sector biofarmacéutico, Innopharma pretende potenciar este sector en Galicia e convertelo nun referente internacional no ámbito do descubrimento temperán de fármacos.

A iniciativa permite ampliar as súas capacidades tecnolóxicas dos departamentos universitarios, pero á vez esta tecnoloxía xera un gran número de datos que é necesario almacenar, ordenar e, sobre todo, xestionar, co fin de que o persoal investigador poida acceder a esta información de forma rápida e eficiente. É neste labor no que o Cesga apoia ao proxecto, do que se informou nun acto ao que asistiu o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela.

En concreto, proporciona o soporte necesario en tecnoloxías da información para que Innopharma poida deseñar e prestar os seus servizos dun xeito escalable, eficiente e seguro, proporcionando tanto a infraestrutura tecnolóxica como o soporte técnico requirido.

Tamén posibilita que estes servizos teñan acceso á capacidade de computación, almacenamento e comunicacións necesaria para proporcionar tempos de resposta axeitados á importancia do proxecto. Dende o punto de vista da seguridade da información, o apoio do Cesga permite ademais dotar a estes servizos de proteccións avanzadas que garantan a confidencialidade da información, a protexan de accesos non autorizados, e, por último, que garantan a súa recuperación en caso de fallo, así como a súa preservación.