Feijóo anuncia a posta en marcha do programa Innova en Galicia que arrancará cunha liña de 5 millóns de euros para unir os centros de coñecemento e as grandes empresas na creación de entes de I+D+i

2014-03-28
  • Afirma que os obxectivos do impulso a estes centros mixtos é fixar actividade de grandes empresas en Galicia e, polo tanto, emprego; e sacar o máximo rendemento da investigación galega ao garantir a transferencia ao mercado do coñecemento que se produce na nosa Autonomía
  • Avanza que o programa Innova en Galicia se completará coa posta en marcha nos vindeiros meses de tres proxectos estratéxicos singulares de forma conxunta entre a Administración e grandes empresas
  • Subliña que, en total Innova Xunta mobilizará, neste ano 2014, máis de 26 millóns en crear un polo de I+D+i en Galicia
  • Refírese a RIS3 como unha fórmula axeitada para continuar aumentando o investimento estranxeiro en Galicia, que nos últimos tempos está a experimentar un notable crecemento, acadando en 2013 un total de 219 millóns de investimento bruto

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha do Programa Innova en Galicia que arrancará cunha liña de 5 millóns de euros para unir os centros de coñecemento e as grandes empresas na creación de entes de I+D+i, mobilizando un investimento de 16 millóns de euros. Segundo dixo, este é o obxectivo dunha orde de axudas que o Consello da Xunta aprobará nas vindeiras semanas e que forma parte do programa ‘Innova en Galicia’, co que se pon en marcha a Estratexia de Especialización Intelixente, a RIS 3.

O mandatario autonómico, que esta mañá participou na inauguración das novas instalacións da fábrica CITIC HIC Gándara Censa no Porriño, avanzou que a actuación está orientada á posta en marcha en Galicia de centros mixtos de innovación constituídos entre grandes empresas e organismos galegos de xeración de coñecemento, é dicir, universidade, centros tecnolóxicos, fundacións sanitarias, os centros galegos do CSIC, etc.

Segundo explicou, os obxectivos desta liña de traballo son, por unha banda, fixar actividade de grandes empresas en Galicia e, polo tanto, emprego; e, en segundo lugar, sacar o máximo rendemento da investigación galega ao garantir a transferencia ao mercado do coñecemento que se produce na nosa Autonomía.

Aumento do investimento estranxeiro

Durante a visita, Feijóo subliñou o grande salto cualitativo e cuantitativo para a innovación galega que supón a Estratexia de Especialización Intelixente. “Queremos que as grandes empresas de fóra de Galicia perciban a nosa Comunidade como un ecosistema de innovación e que se sintan atraídas a desenvolver aquí os seus proxectos de I+D+i”, aseverou, logo de referiuse a RIS3 como unha fórmula axeitada para continuar aumentando o investimento estranxeiro na nosa autonomía, que nos últimos tempos está a experimentar un notable crecemento.

Nesta liña, incidiu en que Galicia, grazas á solvencia e o rigor das súas contas públicas, ao compromiso da súa sociedade e á acreditada capacidade das súas empresas e traballadores (especialmente nos sectores estratéxicos), demostrou ser un lugar propicio para investir e presentarse ante o mundo como un marco estable no que facer negocios. “Así o entenderon grandes firmas como a petroleira Pemex, como PSA Peugeot-Citröen, que renovou a súa confianza en Galicia, ou como a venezolana Banesco”, afirmou a modo de exemplos.

Esta situación fixo posible, segundo Feijóo, que no ano 2013 aumentase nun 18% a entrada de capital estranxeiro na nosa Comunidade, acadando un total de 219 millóns de euros de investimento bruto. “E iso é, en parte, o resultado dunha completa estratexia de apoio á captación de investimentos á que este ano destinaremos 30 millóns de euros que se traducirán na mobilización de 150 millóns”.

Feijóo concretou que a primeira convocatoria destas axudas, que poderán ter continuidade nos vindeiros anos, terá unha dotación orzamentaria de 5 millóns, que pretende mobilizar un total de 16 millóns de investimento. E avanzou que os entes mixtos de innovación que se creen ao abeiro desta orde deberán manter a súa actividade polo menos durante 3 anos; propiciar a convivencia de investigadores da empresa e do centro de coñecemento no mesmo espazo físico; e supor un investimento mínimo por parte da empresa de 1 millóns de euros e un orzamento total de, polo menos, 2 millóns de euros, dos cales o 30% o achegará a Administración Autonómica.

O presidente do Goberno galego cualificou o proxecto de ambicioso e con grandes expectativas, logo de que mostraran o seu interese nel grandes multinacionais de prestixio que desenvolven a súa actividade no eido das TIC, da automoción, no farmacéutico ou na aeronáutica.

Segundo informou, o programa Innova en Galicia completarase co desenvolvemento, que actualmente a Xunta está a perfilar coas empresas implicadas, de tres proxectos estratéxicos público-privados para a posta en marcha de iniciativas de I+D+i singulares.

Así, o responsable do Executivo galego destacou que a través do programa Innova en Galicia a Xunta investirá, neste ano 2014, un total 8 millóns de euros para mobilizar máis de 26 millóns en crear un polo de I+D+i en Galicia.

No tocante ás instalacións de Citic Censa, coas que esta fábrica se converte na única empresa de Europa capaz de fabricar pezas de caldereiría para muíños de minaría cun diámetro de 15 metros, fronte aos 12 que elaboraba ata agora; Feijóo resaltou a clara aposta pola innovación e a tecnoloxía de última xeración como ferramentas de competitividade, a vontade decidida de diferenciarse e de chegar ao mercado con produtos que se distingan polo seu valor engadido, a ambición de consolidar e aumentar o espazo conquistado nos mercados internacionais e, sobre todo, a confirmación e a renovación da confianza en Galicia.