Conde destaca a Finsa como referente innovador dunha industria con produtos de alto valor engadido que incrementou as súas exportacións un 10% en 2013

2014-03-07
  • Salienta o seu labor como “empresa tractora” dun sector que ocupa posicións de liderado na produción nacional de madeira e nas súas exportacións
  • O 30% das empresas galegas da madeira e do moble xa apostan pola innovación
  • O Goberno galego seguirá acompañando ese esforzo de innovación e internacionalización co obxectivo de “poñer en valor entre todos a industria da madeira”
  • A Xunta ten investido máis de 20 millóns de euros no impulso do sector nos últimos anos, mobilizando investimentos de case 60 millóns

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, durante unha visita ás instalacións de Finsa en Santiago de Compostela, o importante papel da empresa como referente dunha industria madeireira que “está sabendo mellorar a súa competitividade a través da innovación e intentando gañar mercados internacionais”. Neste sentido, o sector ten incrementado as súas exportacións nun 10% durante o último ano ata superar os 558 millóns de euros

Deste xeito, o compromiso coa realización de produtos cun maior valor engadido contribúe á puxanza dunha industria que ocupa unha posición de liderado tanto na produción nacional de madeira serrada e taboleiro como no conxunto das exportacións. Así mesmo, o impulso innovador maniféstase tamén nos últimos datos, que reflicten que o 30% das empresas galegas de madeira e do moble xa apostan pola innovación.

Neste sentido, o conselleiro destacou a aposta de Finsa, de Confemadera, e do resto de axentes do sector coa realización deste tipo de produtos cun alto valor engadido. “A industria da madeira se está comportando dun modo exemplar dando resposta á situación económica actual. Neste camiño, a Xunta seguirá acompañando todos eses esforzos”, apuntou o titular de Economía e Industria. Así, o Goberno galego ten investido nos últimos anos máis de 20 millóns no impulso da industria madeireira, mobilizando inversións de case 60 millóns de euros.

Conde resaltou o labor de Finsa como “empresa tractora” dentro da industria da madeira, cunha “presenza moi importante desde un punto de vista cuantitativo, pero tamén desde un punto de vista cualitativo”. A través da súa aposta pola innovación, apuntou o conselleiro, a compañía tense convertido nun “exemplo de aproveitamento dos diferentes produtos da madeira”, sumando 12 fábricas e 8 delegacións internacionais que empregan a 3.000 traballadores, e exportando un terzo da súa produción.

Así, a empresa impulsa melloras continuas nos seus procesos de valorización, procura novos mercados como o da automoción coa súa participación nun proxecto do programa Innterconecta, e ten desenvolvido accións de eficiencia enerxética que melloran a súa competitividade.

“Este é o camiño: o camiño da innovación, da diferenciación de produto e da internacionalización. E Finsa, empresa familiar na súa terceira xeración, é un exemplo que está sabendo competir en momentos de dificultade”, precisou Conde, quen avogou por aproveitar entre todos o recurso da madeira, tanto no seu uso nas economías domésticas como tamén na potenciación dunha industria con capacidade para xerar valor e emprego e en Galicia.