Conde destaca a innovación de Utingal como camiño a seguir para a consolidación do sector aeronáutico galego

2014-03-03
  • O conselleiro de Economía e Industria resalta o apoio do Goberno galego á compañía de Tui, apoiando a adquisición do robot Poseidón e financiando distintas técnicas de deseño e fabricación de compoñentes para avións
  • Salienta os avances tecnolóxicos como eixos da competitividade da compañía, que fabrica para Airbus e Embraer e está integrada na Unión de Empresas Galegas de Aeronáutica (Udega), unha asociación de empresas que xa empregan a máis de 450 persoas na comunidade
  • Subliña que os máis de 1.600 millóns de euros en innovación que mobilizará a Estratexia de Especialización Intelixente ata 2020 permitirán un impulso clave á aeronáutica galega, un sector que “non é unha visión de futuro, é unha realidade”

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a aposta pola innovación da empresa Utingal como camiño a seguir para a consolidación do sector aeronáutico galego. Durante unha visita ás instalacións da compañía en Tui, Conde resaltou o apoio do Goberno galego a esa traxectoria, apoiando a adquisición da súa última mellora tecnolóxica, o robot Poseidón, así como financiando novas técnicas de deseño e fabricación de compoñentes para avións, a través dos fondos Innterconecta e Conecta Pemes.

Estas melloras lle permitirán acadar unha carga de traballo regular como subministradora para as principais compañías aeronáuticas para as que traballa na actualidade, como Airbus ou Embraer.

Conde subliñou a capacidade da empresa para, nun escenario económico complicado, ser capaz de diversificarse e ampliar o seu cometido orixinal –a automoción-, “adaptando o seu know how a un sector con moita marxe de crecemento: o aeronáutico, que xa supón máis do 50% do seu negocio”.

Grazas a esta estratexia gañadora de adaptación e innovación, Utingal é hoxe unha compañía en constante crecemento que emprega a 35 persoas, moitas delas de alta cualificación, unha puxanza que Conde ligou á aposta polas novas tecnoloxías que apoiou o Goberno galego, e que se estenden a todo o sector.

“Estas axudas forman parte do apoio económico por máis de un millón de euros que Economía e Industria lle prestou ao sector aeronáutico galego en materia de innovación nos últimos catro anos”, resaltou Conde, que avanzou que eses investimentos se multiplicarán nun futuro próximo, apoiando a competitividade de todo o sector e apuntalando a cooperación entre empresas en ámbitos como a Unión de Empresas Galegas de Aeronáutica (Udega), da que Utingal forma parte.

Ese traballo ao máximo nivel ten convertido precisamente a Udega en imaxe da Galicia innovadora no exterior e, neste senso, Conde aproveitou a visita a Tui para reunirse con representantes de Udega, e compartir as estratexias do sector para o corto e medio prazo, así como escoitar as propostas dos empresarios. O sector aeronáutico galego “non é unha visión de futuro, é un presente, unha realidade que temos que seguir impulsando”, destacou o conselleiro.

Tras o encontro, Conde resaltou que a consolidación do sector aeronáutico galego é un dos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente da Xunta de Galicia, a chamada RIS3. Esta estratexia é a folla de ruta da innovación galega ata o ano 2020, guiando a mobilización de máis de 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores, e ten o apoio a aeronáutica galega como un dos seus obxectivos. “É unha oportunidade histórica para todos”, salientou Conde.