GAIN E CDTI ORGANIZAN UNHA XORNADA PARA PRESENTAR A CONVOCATORIA EEA GRANTS EN GALICIA

2014-02-26
  • A convocatoria está dirixida a proxectos empresarias de I+D aplicada no ámbito das enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o cambio climático e as tecnoloxías medioambientais
  • A dotación orzamentaria da convocatoria, que permanece aberta, é de 32,4 millóns de euros
  • A Axencia Galega de Innovación explicará os seus instrumentos de apoio á participación das PEMES galegas en programas nacionais e europeos

A Axencia Galega de Innovación (GAIN), en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), organizan a xornada “EEA Grants – Financiamento de proxectos empresariais de I+D aplicada: Enerxías renovables, eficiencia enerxética, medio ambiente e tecnoloxías de cambio climático”, que terá lugar o vindeiro mércores, 5 de marzo de 2014, no Centro de Supercomputación de Galicia en Santiago de Compostela e que poderá seguirse, a través de videoconferencia, dende A Coruña, Ferrol e Ourense.
O obxectivo desta xornada é dar a coñecer a convocatoria para proxectos de I+D cofinanciados polo Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo dotada nesta edición con 32,4 millóns de euros, que financia proxectos empresariais de carácter aplicado para a creación e mellora significativa dun proceso produtivo, produto ou servizo no ámbito das enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o cambio climático e as tecnoloxías medioambientais. Esta convocatoria, xestionada por CDTI, ten aberto o prazo de solicitude até o 10 de abril de 2014.

Carácter práctico da xornada

Na xornada, dirixida a empresas, participarán un representante de CDTI, que explicará os detalles da convocatoria EEA Grants, e un membro da Axencia Galega de Innovación quen informará sobre a convocatoria de Bonos de Innovación da propia Axencia, que está dirixida a apoiar a participación das empresas galegas en programas nacionais e europeos de I+D+i. As empresas que o desexen poderán solicitar xuntanzas bilaterais cos poñentes para aclarar dúbidas a respecto de cadansúa convocatoria.
Para participar na xornada, precísase inscrición. Podese acceder ao programa completo da xornada, así como ao formulario de inscrición a través da sección Eventos da páxina web de GAIN

Mecanismo financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA Grants)

Esta convocatoria está cofinanciada a través do Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA Grants) para o período 2009-2014. O seu obxectivo é a redución de disparidades económicas e sociais no Espazo Económico Europeo e o fortalecemento das relacións bilaterais entre os Estados Doantes (Noruega, Islandia e Liechtenstein) e os 15 Estados da Unión Europea beneficiarios destas axudas, entre os que se inclúe España.
España recibe a través deste fondo un investimento total de máis de 42 millóns de euros, dos cales 18 millóns foron asignados ao Programa para a Ciencia e Tecnoloxía no medio Ambiente e Cambio Climático, que xestiona CDTI. Dentro deste programa lanzáronse dúas convocatorias, a primeira en 2013 e a segunda en 2014, convocatoria aberta desde o 10 de febreiro até o 10 de abril de 2014.