Conde sinala que o CIS Madeira desenvolverá un papel fundamental na Estratexia de biomasa de Galicia ao transferir coñecemento ao sector para a posta en marcha de proxectos industriais

2014-02-17
  • Destaca que o centro é un “eixo vertebrador de investigadores e empresarios” que debe pilotar diferentes proxectos innovadores aglutinando a participación da industria
  • Apunta que a experiencia de CIS Madeira no eido innovador resultará clave no impulso dunha estratexia que aspira a diminuír a dependencia enerxética dos derivados do petróleo acadando un aforro económico de 70 millóns anuais
  • Sinala que se activarán distintas medidas comezando por unha liña de case 10 millóns para a implantación de caldeiras de biomasa con fins térmicos que permitirán aforros superiores ao 50% nos equipos substituídos

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no Consello Asesor de CIS Madeira no que se abordou a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa en Galicia. Neste sentido, Conde destacou que o centro está chamado a desenvolver un papel fundamental nesta estratexia transferindo coñecemento ao sector de cara á posta en marcha de proxectos industriais. “O CIS Madeira pilotará diferentes proxectos innovadores, e intentará aglutinar a participación da industria a través do propio centro e do Inega”, incidiu.

O conselleiro, que estivo acompañado polo delegado da Xunta, Rogelio Martínez, e o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, sinalou que o CIS Madeira tense convertido nos últimos anos nun “referente de eficiencia e produtividade” que desempeña un rol moi destacado na mellora do sistema de innovación no sector madereiro galego. “CIS Madeira é hoxe un eixo vertebrador de investigadores e empresarios”, subliñou Conde, quen apuntou que o centro desenvolve actuacións no sector forestal, no da primeira e segunda transformación e tamén no eido dos biocombustibles.

Toda esta experiencia, sinalou o titular de Economía e Industria, resultará fundamental no desenvolvemento dunha estratexia que persegue activar unha industria asociada á valorización enerxética da biomasa impulsando o consumo deste combustible con fins térmicos. Coa posta en marcha deste plan, sinalou o conselleiro, aspírase a “mellorar o mix enerxético de Galicia e impulsar unha enerxía limpa da que temos o recurso e podemos ser moi competitivos”. Por este motivo, explicou, o CIS Madeira está chamado, xunto co Inega, a “impulsar o desenvolvemento de diferentes proxectos no eido da innovación vinculada á biomasa térmica”.

O conselleiro subliñou que, a través desta Estratexia, o Goberno galego aspira a reducir a dependencia enerxética dos derivados do petróleo, acadando un aforro económico de 70 millóns ao ano. Ademais, diminuirase o gasto anual en calefacción e auga quente de familias, empresas e administración pública grazas a instalación de caldeiras que poden xerar aforros superiores ao 50%.

Para isto, como primeira medida o Inega activará unha liña específica de case 10 millóns de euros para a implantación de equipos de biomasa térmica. Unha aposta que será acompañada polo Igape, que introducirá a biomasa como actividade preferente, dotando dunha maior intensidade de apoio aos proxectos que se presenten ás distintas liñas de axuda; e pola Axencia Galega de Innovación, que prestará especial atencións aos proxectos innovadores que se presenten ás liñas de axuda cando estean destinados á mellora tecnolóxica empresarial do sector forestal.

O titular de Economía e Industria salientou que a nova estratexia ofrecerá ao sector un marco adecuado para potenciar unha industria con claros beneficios ambientais, enerxéticos e económicos, cunha incidencia especial no medio rural galego. Así, desenvolverase como unha prioridade transversal que se executará en estreita colaboración coa Consellería de Medio Rural e do Mar.