Conde destaca que a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa permitirá reducir a dependencia enerxética aforrando 70 millóns anuais

2014-02-13
  • Salienta que a iniciativa impulsará o consumo deste combustible con fins térmicos activando unha industria asociada á súa valoración enerxética que xerará máis de 1.000 postos de traballo
  • Lembra que están previstos distintos instrumentos para promover proxectos de biomasa con fins térmicos, entre os que figura este ano unha liña de axudas do Inega de case 10 millóns para a implantación de caldeiras en fogares e industria
  • Subliña que o desenvolvemento desta estratexia levará aparellados beneficios ambientais, enerxéticos e económicos con especial incidencia no medio rural

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, clausurou esta tarde unha xornada organizada pola Fundación Galicia Empresa na que se deron a coñecer os principais puntos de actuación da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa en Galicia. Neste sentido, Conde destacou que co desenvolvemento desta estratexia, coa que se acadará un aforro económico de 70 millóns de euros ao ano, se aspira a reducir a dependencia enerxética dos derivados do petróleo.

“A través desta Estratexia pretendemos activar unha industria asociada á valorización enerxética da biomasa”, apuntou o conselleiro, quen sinalou que impulsarase así o consumo deste combustible con fins térmicos xerándose máis de 1.000 postos de traballo tanto na transformación e distribución, como na instalación de caldeiras.

Así mesmo, proseguiu o titular de Economía e Industria, a posta en marcha desta estratexia contribuirá a diminuír o gasto anual en calefacción e auga quente de familias, empresas e administración pública. Non en van, a instalación dunha caldeira de biomasa nunha vivenda unifamiliar permite aforros económicos de ata o 65% en comparación cunha de gasóleo, e, por exemplo, no caso dun edificio do sector servizos suporía un aforro de case 13.000 euros.

“Traballamos xunto ao sector convencidos das potencialidades que temos para configurar unha industria que posibilitará novas oportunidades de crecemento a través dun combustible galego, barato e limpo”, incidiu Conde. Para isto, apuntou, como primeira medida o Inega activará unha liña específica de case 10 millóns de euros para a implantación de equipos de biomasa térmica.

Esta aposta será acompañada polo Igape, que introducirá a biomasa como actividade preferente, dotando dunha maior intensidade de apoio aos proxectos que se presenten ás distintas liñas de axuda; e pola Axencia Galega de Innovación, que prestará especial atencións aos proxectos innovadores que se presenten ás liñas de axuda cando estean destinados á mellora tecnolóxica empresarial do sector forestal.

O titular de Economía e Industria salientou que a nova estratexia ofrecerá ao sector un marco adecuado para “potenciar unha industria con claros beneficios ambientais, enerxéticos e económicos”, cunha incidencia especial no medio rural galego. Así, desenvolverase como unha prioridade transversal que se executará en estreita colaboración coa Consellería de Medio Rural e do Mar permitindo acometer a transformación dunha industria que representa o 3,5% do PIB da Comunidade e que está “chamada a desenvolver un labor decisivo na construción dunha Galicia próspera e competitiva”.