Economía e Industria destaca en Vigo as oportunidades de impulso á innovación nas pemes que ofrecen os programas da Consellería

2014-02-07
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, participa nunha xornada celebrada na Confederación de Empresarios de Pontevedra que achegou ao tecido empresarial local as liñas de axudas abertas no que levamos de ano
  • Resalta a importancia do Conecta Peme de cara ao desenvolvemento de proxectos innovadores que promoven a cooperación entre empresas e centros de coñecemento
  • Os programas de axudas xa activos mobilizarán máis de 120 millóns mellorando a competitividade do tecido produtivo a través da innovación, a internacionalización e o emprendemento

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, participou hoxe nun encontro organizado na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo, no que se achegou ao tecido empresarial local as distintas oportunidades de impulso á innovación que ofrecen os programas xa activos da Consellería de Economía e Industria de cara a incrementar a súa competitividade.

Neste sentido, Varela Rey destacou a importancia do Conecta Peme, que coa activación de dúas convocatorias en tan só 4 meses, sumará 40 millóns de euros de mobilización de investimentos en proxectos de innovación nas pequenas e medianas empresas galegas.

Mediante este programa, que está aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 14 de febreiro, concederanse axudas que, no caso de proxectos de desenvolvemento experimental serán de ata o 60% para as pequenas empresas e de ata o 50% para as medianas, mentres que no caso das iniciativas de investigación industrial as porcentaxes ascenden ata o 80% para as pequenas e o 75% nas medianas empresas.

O director da Axencia Galega de Innovación salientou durante o encontro que o obxectivo do Conecta Peme é incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego e fomentar a colaboración público-privada a través do cofinanciamento de proxectos innovadores que fomentan a cooperación. Tralo elevado interese que espertou a primeira convocatoria, que beneficiou a máis dun centenar de pemes galegas que están a participar en 30 proxectos consorciados que mobilizan 25 millóns de euros en áreas estratéxicas específicas para pemes, ponse en marcha a segunda convocatoria, dotada con 8 millóns de euros e que mobilizará preto de 15 millóns.

Esta nova edición incentiva, unha vez máis, a innovación aberta para a mellora competitiva das pemes, apoiando iniciativas nas que participan un mínimo de 3 e un máximo de 6 empresas e, polo menos, un centro tecnolóxico ou de investigación. A contratación destes centros debe supoñer un mínimo do 15% do orzamento total do proxecto, o que implica que o programa reserva nesta convocatoria 1,2 millóns de euros da súa dotación ao financiamento de I+D e transferencia de coñecemento aplicado desde estes organismos.

Investimentos innovadores

A celebración desta xornada permitiu tamén achegar outras ferramentas que a Axencia Galega de Innovación pon a disposición das pequenas e medianas empresas, como o programa de Investimentos Innovadores para o Crecemento Empresarial que suma 2,5 millóns de euros para a mobilización de 6 millóns en proxectos centrados na mellora das capacidades investigadoras, innovadoras e tecnolóxicas das empresas galegas.

Tamén está aberta a convocatoria de axudas a empresas para o fomento da propiedade industrial, dotada con 250.000 euros. Estes apoios destínanse a a atender os gastos empresariais na tramitación de solicitudes de títulos para a protección de innovacións técnicas (invencións), tales como patentes e modelos de utilidade, e da súa renovación antes as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais.

Ademais, a través do fondo i2C respáldase a creación de empresas capaces de liderar o crecemento en sectores tecnolóxicos concretos, e mediante o programa de bonos de innovación impúlsase a captación de fondos de innovación nacionais e europeos nas pequenas e medianas empresas galegas, dotado con 1,5 millóns de euros para o período 2013-2015.

Ademais da Axencia Galega de Innovación, no encontro tamén participaron técnicos do Igape, que achegaron as distintas convocatorias do Instituto ao dispor do empresariado. En total, a Consellería de Economía e Industria arrancou 2014 con programas de axudas cos que se pon a disposición das empresas galegas cerca de 45 millóns de euros cos que se prevé mobilizar máis de 120 millóns para a mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da innnovación, a internacionalización, e o emprendemento.