Conde acorda con Confemadera a estratexia da biomasa e salienta o impulso que suporá para Galicia a creación dunha nova industria

2014-02-06
  • O conselleiro de Economía e Industria reúnese cos responsables de Confemadera Hábitat Galicia e lles transmite que este proxecto de valorización enerxética completará o aproveitamento dun recurso que xa proporciona o 3,5% do PIB galego
  • A iniciativa, que pretende xerar 1.000 novos empregos, diminuirá a dependencia enerxética da comunidade, xa que valorizará 275.000 toneladas de combustible renovable ao ano no horizonte do 2020
  • A Axencia Galega de Innovación acompañará esta aposta, prestando especial atención aos proxectos innovadores destinados á mellora tecnolóxica empresarial do sector forestal

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con representantes da Confederación de Empresarios da Madeira de Galicia, Confemadera Hábitat Galicia, no marco das reunións que está a manter con axentes do sector para acordar a futura Estratexia Integral de Impulso da Biomasa en Galicia. Conde resaltou o impulso que suporá para o ciclo da madeira en Galicia a creación dunha nova industria ao redor da biomasa, cun potencial de creación de numerosos empregos na recolleita, transporte e transformación enerxética da madeira, así como an fabricación, mantemento e reparación de caldeiras. Só a partir do investimento público previsto inicialmente, destacou, se pretenden crear máis de 1.000 empregos nos primeiros sete anos.

Durante o encontro, o titular de Economía e Industria escoitou as opinións e suxestións de Confemadera Hábitat Galicia, encabezada polo seu presidente, Elier Ojea, e incidiu na redución da dependencia enerxética galega que suporá esta iniciativa. Esa vantaxe que foi especialmente valorada pola entidade que asocia aos empresarios do sector, así como a redución dos custos enerxéticos das familias e das pemes, que pode chegar con este combustible ata o 65%.

Salientou ademais que con esta iniciativa se pretende potenciar un sector que na actualidade supón o 3,5% do PIB. A primeira das medidas da estratexia será impulsada polo Inega, que ten previsto a activación dunha liña específica de 9,3 millóns de euros para a implantación de equipos de biomasa térmica, nun esforzo liderado pola administración pública para amosar as vantaxes do sistema.

Grazas a este impulso se realizarán preto de 1.000 proxectos que permitirán valorizar preto de 275.000 toneladas de biomasa ao ano no horizonte do 2020, potenciando ademais o medio rural coa conseguinte diminución do risco de incendios nos montes galegos.

Esta aposta será acompañada polo Igape, que introducirá a biomasa como actividade preferente; e pola Axencia Galega de Innovación, que prestará especial atención aos proxectos innovadores destinados á mellora tecnolóxica empresarial do sector forestal. Conde salientou que estas medidas configúranse como unha prioridade transversal en colaboración coa Consellería de Medio Rural e do Mar, para impulsar ao bosque galego como xerador de riqueza e de emprego.