Conde destaca a aposta da empresa de Monterroso Alibós pola internacionalización e a calidade poñendo en valor o rural galego

2014-02-05
  • O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou as instalacións da compañía, que exporta un 90% da súa produción aos principais mercados de Europa, América e Asia
  • Alibós, centrada na comercialización de castaña conxelada e outros produtos alimentarios, participa xunto con outras tres empresas nun proxecto de innovación do programa Innterconecta para mellorar a produción do castiñeiro

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a aposta da empresa monterrosina Alibós pola internacionalización, asentada na mellora constante, a innovación e a calidade.

Na súa visita á compañía, centrada na produción de castaña conxelada e outros produtos alimentarios como puré de castaña ou cogomelos, Conde subliñou que Alibós demostra como é posible desenvolver proxectos empresariais no medio rural creando riqueza e emprego e fixando poboación ao tempo que se achega valor engadido aos produtos da nosa terra e, con esta combinación, ser competitivos a nivel internacional.

Alibós, que vén de recibir o premio Aresa de Desenvolvemento Rural, exporta o 90% da súa produción aos principais mercados de Europa, América e Asia, con especial boa acollida en países como China e Xapón. No seu esforzo por innovar, a compañía está a participar xunto cun consorcio de empresas que recollen toda a cadea de valor da castaña no programa Innterconecta, impulsado pola Consellería de Economía e Industria xunto co CDTI. Este proxecto, que conta cun investimento de 1,5 millóns de euros, pretende recuperar as distintas variedades do castiñeiro en Galicia, mellorando así a calidade do froito.

Francisco Conde, que coñeceu de preto o sistema produtivo de Alibós, subliñou que a compañía é “un referente de éxito”, unha empresa consolidada en Galicia que debe servir de exemplo aos emprendedores, apuntando un camiño a seguir para a posta en marcha de proxectos sostibles e que poñen en valor o rural galego.