Economía e Industria achega ás pemes en Ponteceso as ferramentas ao seu dispor para impulsar a innovación e ser así máis competitivas

2014-02-04
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, participou nun encontro no Concello no que se presentaron as liñas de axudas abertas no que levamos de ano
  • Subliña a oportunidade que supón o programa Conecta Peme, que apoia o cofinanciamento de proxectos innovadores que promoven a cooperación entre empresas e cos centros de coñecemento
  • Economía e Industria arrancou o ano con programas de axudas cos que se prevé mobilizar máis de 120 millóns para mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación, a internacionalización e o emprendemento

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, convidou hoxe ao empresariado en Ponteceso a botar man das diferentes ferramentas postas ao dispor das pequenas e medianas empresas pola Consellería de Economía e Industria para impulsar a innovación e ser así máis competitivas.

Nun encontro celebrado no Concello, Varela Rey subliñou a oportunidade que supón para as compañías o programa Conecta Peme, que coa activación de dúas convocatorias en tan só 4 meses sumará 40 millóns de euros de mobilización de investimentos en proxectos de innovación nas pequenas e medianas empresas galegas.

Mediante este programa, que está aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 14 de febreiro, concederanse axudas que, no caso de proxectos de desenvolvemento experimental serán de ata o 60% para as pequenas empresas e de ata o 50% para as medianas, mentres que no caso das iniciativas de investigación industrial as porcentaxes ascenden ata o 80% para as pequenas e o 75% nas medianas empresas.

O director da Axencia Galega de Innovación salientou durante o encontro que o obxectivo do Conecta Peme é incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego e fomentar a colaboración público-privada a través do cofinanciamento de proxectos innovadores que fomentan a cooperación. Tralo elevado interese que espertou a primeira convocatoria, que beneficiou máis dun centenar de pemes galegas que están a participar en 30 proxectos consorciados que mobilizan 25 millóns de euros en áreas estratéxicas específicas para pemes, ponse en marcha a segunda convocatoria, dotada con 8 millóns de euros e que mobilizará preto de 15 millóns.

Esta nova edición incentiva, unha vez máis, a innovación aberta para a mellora competitiva das pemes, apoiando iniciativas nas que participan un mínimo de 3 e un máximo de 6 empresas e, polo menos, un centro tecnolóxico ou de investigación. A contratación destes centros debe supoñer un mínimo do 15% do orzamento total do proxecto, o que supón que o programa reserva nesta convocatoria 1,2 millóns de euros da súa dotación ao financiamento de I+D e transferencia de coñecemento aplicado desde estes organismos.

Investimentos innovadores

Na xornada celebrada en Ponteceso tamén se presentaron outras ferramentas da Axencia Galega de Innovación ao dispor das pequenas e medianas empresas, como o programa de Investimentos Innovadores para o Crecemento Empresarial que suma 2,5 millóns de euros para a mobilización de 6 millóns en proxectos centrados na mellora das capacidades investigadoras, innovadoras e tecnolóxicas das empresas galegas.

Tamén está aberta a convocatoria de axudas a empresas para o fomento da propiedade industrial, dotada con 250.000 euros. Estes apoios destínanse a a atender os gastos empresariais na tramitación de solicitudes de títulos para a protección de innovacións técnicas (invencións), tales como patentes e modelos de utilidade, e da súa renovación antes as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais.

Ademais, a través do fondo i2C respáldase a creación de empresas capaces de liderar o crecemento en sectores tecnolóxicos concretos, e mediante o programa de bonos de innovación impúlsase a captación de fondos de innovación nacionais e europeos nas pequenas e medianas empresas galegas, dotado con 1,5 millóns de euros para o período 2013-2015.

Ademais da Axencia Galega de Innovación, no encontro tamén participaron técnicos do Igape, que achegaron as distintas convocatorias do Instituto ao dispor do empresariado. En total, a Consellería de Economía e Industria arrancou 2014 con programas de axudas cos que se pon a disposición das empresas galegas cerca de 45 millóns de euros cos que se prevé mobilizar máis de 120 millóns para a mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da innnovación, a internacionalización, e o emprendemento.