Conde destaca en Lugo que a Xunta activa 45 millóns en axudas co obxectivo de que a mellora dos indicadores macroeconómicos comece a reflectirse nas empresas e familias

2014-01-28
  • O Conselleiro de Economía e Industria presenta o paquete de axudas activadas polo Igape e a Axencia Galega de Innovación en apoio das empresas
  • Resalta que el obxectivo dos programas é mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación, a internacionalización e o emprendemento
  • Destaca o compromiso prioritario do Goberno galego con Lugo, achegando ao seu tecido empresarial iniciativas de financiamento desde o comezo do ano

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe en Lugo as axudas activadas pola Xunta para arrancar o ano poñendo a disposición dos empresarios 45 millóns en axudas, co obxectivo de “trasladar os bos indicadores económicos ás contas dos que máis sacrificios tiveron que asumir, as empresas e as familias”. Durante a xornada de presentación destas liñas de axudas, levada a cabo no polígono de O Ceao, Conde resaltou que grazas a un notable esforzo administrativo e organizativo “estamos achegando desde o minuto 1 iniciativas de financiamento”.

Resaltou ademais que os 12 programas postos en marcha mellorarán a competitividade do tecido produtivo lugués a través do emprendemento, a innovación e a internacionalización. Conde incidiu especialmente na importancia dun cambio de cultura empresarial galego e lugués cara a innovación. Destacou neste senso que o investimento en innovación será unha das pedras angulares de Galicia durante a próxima década, grazas ao investimento de máis de 1.300 millóns en fondos europeos en proxectos empresariais innovadores ata o 2020, ao abeiro da Estratexia de Especialización Intelixente e do Horizonte 2020.

Unha innovación que vai da mano do emprendemento, sinalou Conde, que subliñou as vantaxes que a recén aprobada Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia ten para os empresarios, ao –entre outras medidas- eliminar as licencias municipais de actividade con carácter xeral, substituíndoas por unha comunicación previa.

Ese traballo se suma aos 12 programas presentados en O Ceao. Entre as iniciativas, levadas a cabo polo Igape a Axencia Galega de Innovación, Conde citou programas como o Galicia Inviste –que respalda proxectos de investimento para dinamizar a actividade económica e o emprego-, ou o Galicia Emprende –destinado a apoiar a posta en marcha de novas empresas-.

A elas se suma, destacou o conselleiro, o Fondo Galicia Emprende, un fondo de capital risco que ten como meta incidir na creación e as primeiras etapas das empresas; o Programa de Investimentos Tecnolóxicos no Sector Servizos, que permitirá a súa mellora competitiva; e a liña de promoción de iniciativas de difusión, que facilita a participación das pemes galegas en eventos de interese.

Estas medidas se complementan cun apoio integral á innovación nas pemes, na convicción de que a innovación é clave para mellorar a competitividade e xerar emprego. Neste senso, Conde destacou programas como o Conecta Pemes, que prima o desenvolvemento de proxectos de colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos; e o Fondo I2C, que apoia a creación de empresas capaces de liderar o crecemento en determinados sectores tecnolóxicos.

Todos eses programas, subliñou o conselleiro de Economía e Industria, deben permitir que ningún proxecto empresarial viable quede sen executar en Lugo. “Lugo é unha absoluta prioridade para a Xunta”, defendeu Conde.