Economía e Industria achega ás pemes ourensás as ferramentas á súa disposición para impulsar a innovación e ser así máis competitivas

2014-01-23
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, participou nunha xornada na Tecnópole na que se presentaron as liñas de axudas abertas no que levamos de ano, e coas que se espera mobilizar máis de 52 millóns de euros en innovación empresarial
  • Subliña a oportunidade que supón o programa Conecta Peme, que apoia o cofinanciamento de proxectos innovadores que promoven a cooperación entre empresas e cos centros de coñecemento
  • Economía e Industria arrancou o ano con programas de axudas cos que se prevé mobilizar máis de 120 millóns para mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación, a internacionalización e o emprendemento, con especial atención á provincia de Ourense ao abeiro do Impulsa

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, convidou hoxe ao empresariado ourensán a botar man das diferentes ferramentas postas á disposición das pequenas e medianas empresas pola Consellería de Economía e Industria para impulsar a innovación e ser así máis competitivas.

Nunha xornada celebrada no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, Varela Rey subliñou a oportunidade que supoñen para as compañías ourensás iniciativas como o Conecta Peme, que ten por obxectivo incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego e fomentar a cooperación público-privada a través do cofinanciamento de proxectos innovadores.

Mediante este programa, que prima os proxectos a desenvolver en Ourense e que está aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 14 de febreiro, concederanse axudas que, no caso de proxectos de desenvolvemento experimental serán de ata o 60% para as pequenas empresas e de ata o 50% para as medianas, mentres que no caso das iniciativas de investigación industrial as porcentaxes ascenden ata o 80% para as pequenas e o 75% nas medianas empresas.

Tal e como subliñou Varela Rey, nos vindeiros días activaranse dúas novas liñas: a de investimentos innovadores, co obxectivo de incrementar a capacidade tecnolóxica das pemes; e a de fomento da propiedade industrial, que persegue a protección das innovacións mediante títulos de propiedade industrial para garantir a súa futura explotación.

Coas iniciativas abertas no que levamos de ano, xunto con outros instrumentos como o Fondo I2C, mediante o cal se apoia a creación de empresas capaces de liderar o crecemento en sectores tecnolóxicos concretos, a Xunta espera mobilizar máis de 52 millóns de euros en innovación empresarial este ano.

En total, a Consellería de Economía e Industria arrancou 2014 con programas de axudas cos que se pon a disposición das empresas galegas cerca de 45 millóns de euros cos que se prevé mobilizar máis de 120 millóns para a mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da innnovación, a internacionalización, e o emprendemento, nos que se presta especial atención aos proxectos a desenvolver na provincia de Ourense, ao abeiro do plan Impulsa.