Feijóo salienta que o tesón empresarial e a estabilidade institucional permitirán a Galicia abordar o segundo reto da crise: crecemento, emprego e novas oportunidades

2014-01-14
  • Avoga por seguir apostando pola innovación, tendo un dos principais apoios na Axencia Galega de Innovación, que ten un 45% máis de recursos este ano respecto á lexislatura da bonanza económica; e por manter vivo o ímpeto do emprendemento, coa Lei do emprendemento
  • Refírese ao empresariado galego como un piar fundamental dun país que vai saír da crise “en pé e con novos folgos”
  • Recorda que desde o pasado 2 de xaneiro, están operativos distintos programas de internacionalización, de competitividade, de innovación ou de emprendemento por un importe superior a 115 millóns de euros
  • Afirma que é o momento de seguir apostando por abrirnos a novos mercados, tanto para incrementar as nosas exportacións como para atraer novos investidores
  • Subliña que no século XXI a chegada de capitais foráneos non pode verse como un ataque, “senón como a confirmación da nosa forza”
  • Lembra que Galicia conseguiu, ante a crise, mellorar aspectos esenciais do seu Estado do Benestar; ter un tecido produtivo competitivo e con grandes posibilidades e manter a práctica totalidade dos indicadores en mellor situación que a media nacional
  • Salienta que se ben o esforzo da Xunta ten sido permanente para resistir á peor situación económica que se recorda, este estaría incompleto se non contase tamén coa comprensión, confianza e implicación da sociedade galega no seu conxunto

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o tesón empresarial e a estabilidade institucional permitirán á Comunidade galega abordar o segundo reto da crise: crecemento, emprego e novas oportunidades. “O gran reto ao comezo da crise era lograr que Galicia saíse dela formando parte das comunidades que se sobrepuxeron aos problemas. Estámolo logrando grazas ao tesón empresarial e á estabilidade institucional. E seguirémolo logrando se non abandonamos ese camiño”, aseverou.

Durante o xantar con motivo da xuntanza do Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Feijóo referiuse ao empresariado galego como un piar fundamental dun país que vai saír da crise “en pé e con novos folgos”. “É o voso momento, o momento de falar de emprego e de novas oportunidades”, aseverou, logo de garantir que nese obxectivo o empresariado seguirá contando co apoio da Xunta, como vén de demostrar neste arranque do ano.

Sobre este aspecto, recordou que desde o pasado 2 de xaneiro, están operativos distintos programas de internacionalización, de competitividade, de innovación ou de emprendemento por un importe superior a 115 millóns de euros.

Apostar pola innovación, polo emprendemento e por abrirnos a novos mercados
Se na primeira etapa da crise era evidente que os gobernos tiñan un papel primordial, Feijóo afirmou que, pola contra, esta segunda parte outorga un maior protagonismo aos emprendedores. E, nesta liña, avogou por seguir apostando pola innovación, tendo un dos principais apoios no único órgano do Goberno galego que coordina a innovación de todos os departamentos, a Axencia Galega de Innovación, que ten un 45% máis de recursos este ano respecto á lexislatura da bonanza económica; e por manter vivo o ímpeto do emprendemento, como se ten feito coa Lei do emprendemento, poñendo todas as garantías fiscais e melloras fiscais en vigor desde o 1 de xaneiro de 2013.

Así mesmo, afirmou que é o momento de seguir apostando por abrirnos a novos mercados, tanto para incrementar as nosas exportacións como para atraer novos investidores a Galicia, e para facer da nosa unha economía aberta.

Ao fío disto, e a modo de exemplo, Feijóo referiuse á visión de Galicia como ponte entre o vello continente e América. “As empresas do noso país están no mundo, e as empresas do mundo teñen en Galicia un destino apetecible. Estamos comprobando como ideas que a algúns parecíanlles pura retórica, foron a base dos feitos tanxibles en operacións comerciais concretas con repercusión no ano 2013 e sobre todo no ano 2014, no eido da estabilización da economía galega e, estou convencido, no eido do emprego. Somos a parte de Europa máis próxima xeográfica e humanamente a América, e iso é algo que gravita sobre acordos como os que conseguimos no ano 2013 con Pemex e Barreras, ou decisións como se levaron a cabo entre o Banco Etchevarría-Banesco que asume Novagalicia Banco. Acordos que, se ben foron pechados no ano 2013, se verá o seu impacto positivo na economía galega ao longo do ano 2014 e seguintes”, destacou.

O presidente do Goberno galego lembrou que no século XXI a chegada de capitais foráneos non pode verse como un ataque, “senón como a confirmación da nosa forza”. “O capital que se asenta aquí, que produce riqueza aquí, e que crea aquí empregos é capital para Galicia. Confía nos nosos empresarios como socios. Ten fe na nosa capacidade de aforro. Valora a nosa destreza tecnolóxica. Estima a cualificación laboral dos traballadores. É para nós como un espello que nos permite darnos conta do que somos e do que valemos. É todo un síntoma de que imos polo bo camiño”, aseverou.

Logo de resaltar que a empresa galega demostrou unha madurez que sabe aproveitar os momentos de bonanza, pero tamén adaptarse aos momentos de incerteza; Feijóo incidiu na necesidade de abordar o segundo reto da crise: “Sementamos para resistir, e resistimos. Agora toca sementar para crecer, e estou seguro de que creceremos”, reiterou.

Mellor situación que a media nacional

Durante a súa intervención, Feijóo lembrou que Galicia conseguiu, ante a crise, mellorar aspectos esenciais do seu Estado do Benestar; sigue tendo un tecido produtivo competitivo e con grandes posibilidades e, “aínda que somos conscientes de que non temos alcanzado o obxectivo final da recuperación, si logramos xa alcanzar algo importante, como é blindar a confianza en Galicia e manter a práctica totalidade dos indicadores económicos en mellor posición que a media de España”.

“Galicia volve a ter no ano 2013 os seus indicadores económicos por riba da media de España: temos un mellor comportamento da economía galega, un mellor comportamento no paro rexistrado, temos un mellor comportamento nas exportacións, na produción industrial, na solvencia da administración pública, no déficit público e na débeda pública”, engadiu.

Feijóo fixo referencia: ao PIB, no que Galicia conseguiu manter o diferencial co resto de España no terceiro trimestre deste ano (Galicia -0,9%; España -1,1%); ao desemprego, mantendo a taxa por debaixo da media nacional (na EPA, 4,4 puntos por debaixo e no paro rexistrado, co mellor dato desde o ano 2007); ao Índice de Produción Industrial, sendo a primeira Comunidade en incremento da produción industrial; “e temos o mellor dato en exportacións porque estamos 3 puntos por riba da media de España, sendo España o país de maior incremento de exportacións da UE”.

Esforzo da Xunta e comprensión, confianza e implicación da sociedade galega

O responsable do Executivo galego salientou que se ben o esforzo da Xunta ten sido permanente para resistir á peor situación económica que se recorda, este estaría incompleto se non contase tamén coa sociedade galega no seu conxunto: “Contamos coa súa comprensión, coa súa confianza e, o máis importante, coa súa implicación”, aseverou.

Isto permite, segundo Feijóo, que Galicia sexa hoxe a única Comunidade que se axustou aos criterios de déficit público nos últimos cinco anos; ter a solvencia necesaria para poder financiarse no mercado tradicional, sen acudir á tutela e ao rescate do Estado; facer un esforzo de eficiencia en todos os eidos posibles para blindar, por exemplo, os servizos públicos; facer efectivo os pagos aos provedores nun contorno moi superior a calquera outra administración pública española; e destinar, por exemplo, na pasada lexislatura máis axudas que nunca na historia da comunidade para paliar as dificultades dos emprendedores (2.500 avais por máis de 310 millóns de euros).