O Conecta Peme da Xunta mobilizará 40 millóns en innovación empresarial coa activación de dúas convocatorias en só catro meses

2014-01-13
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, presentou esta mañá a segunda edición deste programa que incentiva a innovación aberta e a transferencia dos resultados ás pequenas e medianas empresas
  • A través desta iniciativa, aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 14 de febreiro, cofináncianse proxectos de colaboración de entre 3 e 6 empresas e, polo menos, un centro de con?ecemento
  • O obxectivo é contribuír á competitividade e ao crecemento da economía galega mediante o apoio a iniciativas de alto impacto

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, presentou esta mañá en rolda de prensa a segunda edición do programa Conecta Peme, que coa activación de dúas convocatorias en tan só 4 meses sumará 40 millóns de euros de mobilización de investimentos en proxectos de innovación nas pequenas e medianas empresas galegas.

Tal e como explicou Varela Rey, o obxectivo do Conecta Peme é incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego e fomentar a colaboración público-privada a través do cofinanciamento de proxectos innovadores que fomentan a cooperación. Tralo elevado interese que espertou a primeira convocatoria, que beneficiou a máis dun centenar de pemes galegas que están a participar en 30 proxectos consorciados que mobilizan 25 millóns de euros en áreas estratéxicas específicas para pemes, hoxe mesmo publícase no Diario Oficial de Galicia a segunda convocatoria, dotada con 8 millóns de euros e que mobilizará preto de 15 millóns.

Esta nova edición, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de febreiro incentiva, unha vez máis, a innovación aberta para a mellora competitiva das pemes, apoiando iniciativas nas que participan un mínimo de 3 e un máximo de 6 empresas e, polo menos, un centro tecnolóxico ou de investigación. A contratación destes centros debe supoñer un mínimo do 15% do orzamento total do proxecto, o que supón que o programa reserva nesta convocatoria 1,2 millóns de euros da súa dotación ao financiamento de I+D e transferencia de coñecemento aplicado desde estes organismos.

O orzamento das iniciativas será de 600.000 euros en diante, con axudas que, no caso de iniciativas de desenvolvemento experimental serán de ata o 60% para as pequenas empresas e de ata o 50% para as medianas, mentres que no caso dos proxectos de investigación industrial as porcentaxes ascenden ata o 80% para as pequenas e o 75% nas medianas empresas.

Os proxectos poderán abordar calquera ámbito temático, aínda que, tal e como salientou Varela Rey, consideraranse especialmente aquelas iniciativas que actúen sobre áreas estratéxicas nas que Galicia posúe contrastada potencialidade para o desenvolvemento de proxectos de alto impacto, o que se aliña directamente coas prioridades temáticas establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

Neste sentido, prestarase especial atención aos proxectos relacionados coa saúde; a alimentación, agricultura e pesca e biotecnoloxía; as tecnoloxías da información e as comunicacións; as nanociencias, nanotecnoloxías, materiais e novas tecnoloxías de produción; a enerxía, especialmente a biomasa; o medio ambiente; o transporte, incluída a aeronáutica; as ciencias socioeconómicas e humanidades; e a seguridade, construción e enxeñaría civil e turismo.

O programa ten por obxectivo apoiar proxectos que supoñan unha innovación disruptiva ou radical e que xustifiquen un alto impacto económico, polo que se valorará o novidoso das tecnoloxías xeradas, pero ademais, e moi especialmente, a súa capacidade para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír á competitividade do tecido empresarial e ao crecemento económico de Galicia.