Economía e Industria aposta pola cooperación público-privada no desenvolvemento de proxectos de innovación no sector biotecnolóxico

2014-01-10
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, participa na entrega de galardóns dos I Premios Bioga, organizados polo clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida
  • Resalta o papel do fondo i2C que suma este ano 10 millóns de euros para o impulso da innovación
  • Destaca a próxima convocatoria dunha nova edición do Conecta Pemes, que promoverá proxectos de colaboración entre empresas biotecnolóxicas e centros de coñecemento
  • Subliña a importancia da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS 3) como eixo que vertebra as políticas de innovación ao mobilizar nos vindeiros anos 1.600 millóns de euros na Comunidade

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, participou hoxe no acto de entrega dos I Premios Bioga, organizados polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida. Durante a súa intervención, afondou nas posibilidades que ofrece a cooperación público-privada para desenvolver proxectos innovadores no ámbito biotecnolóxico que permitan transferir os seus resultados ao mercado redundando na mellora competitiva do tecido empresarial galego.

Neste contexto, Varela Rey animou ás empresas biotecnolóxicas a aproveitar as posibilidades do Fondo de Capital Risco i2C, que conta este ano con 10 millóns de euros destinados a impulsar a creación e a posta en marcha de proxectos empresariais de base tecnolóxica cun forte compoñente de I+D+i.

Neste marco, as axudas incentivan de modo especial os proxectos relacionados con ámbitos como a biotecnoloxía, nanotecnoloxía, as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), a sanidade ou as enerxías alternativas. Deste xeito, facilítase o acceso á innovación ás pequenas e medianas empresas da Comunidade, o que permite fomentar unha innovación acorde ao tecido empresarial galego.

Sobre esta base, o director da Axencia Galega de Innovación subliñou tamén a próxima apertura dunha nova edición do programa Conecta Pemes, que se configura como a vía idónea para achegar á innovación a sectores cunha maior presenza de pequenas e medianas empresas, como pode ser o caso do biotecnolóxico.

O programa, explicou, mobiliza entre as súas dúas edicións 40 millóns de euros abrindo un novo marco de oportunidades para proxectos consorciados. A través del incentívase a innovación para a mellora competitiva das pemes, impulsando o desenvolvemento de proxectos de colaboración entre un mínimo de 3 e un máximo de 6 empresas, e a participación de, polo menos, un centro tecnolóxico ou de investigación.

Todas estas iniciativas, sinalou Varela Rey, encádranse na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS 3), que permitirá mobilizar máis de 1.600 millóns en innovación na Comunidade no período 2014-2020, establecendo tres retos fundamentais: a xestión innovadora dos recursos naturais e patrimoniais; a mellora da competitividade e a diversificación da industria; e o logro dunha posición de liderado en vida saudable e envellecemento activo.