Conde salienta o compromiso da Xunta co CSIC na sinatura dun convenio que aposta por captar e reter o mellor talento galego

2013-12-23
  • O conselleiro de Economía e Industria invita ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas a xogar un papel importante na execución dos fondos europeos que Galicia dedicará á innovación ata 2020 mobilizando máis de 1.600 millóns de euros
  • Resalta a implicación da Xunta co organismo, que se traduce en institucións punteiras como o Cesga

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego co CSIC durante a sinatura dun novo convenio que permitirá aos cinco centros do Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Galicia captar e reter ao mellor talento. O Goberno galego achegará 400.000€ para ese fin, que se suman aos máis de 6 millóns de euros que a Xunta aportou ao CSIC desde 2009, e ao traballo conxunto “nunha das aventuras científicas máis necesarias de Galicia, o Cesga”, dixo Conde.

“O noso é un matrimonio baseado no talento”, salientou o conselleiro, que destacou que os fondos permitirán, ademais desa aposta polo persoal científico, potenciar as liñas estratéxicas de investigación e innovación do CSIC, o fomento da transferencia dos resultados á empresa, e o impulso á captación de recursos europeos.

Conde resaltou que o compromiso con CSIC “non fai máis que afondar na nosa estratexia de apostar polas persoas”. Unha liña de acción na que se engloban desde os contratos programa de cerca de 4,5 millóns de euros firmados cos centros tecnolóxicos de Galicia (para que capten e reteñan a investigadores), ata o novo programa que a Xunta porá en marcha en 2014 con 1 millón de euros, co que ofreceremos aos nosos mellores científicos as mesmas condicións que as dos centros punteiros do exterior.

“Por natureza, somos exploradores. Por natureza, somos curiosos. Esa sede cálmana organismos como o CSIC, pero o noso inesgotable compromiso coa curiosidade científica irá, nos próximos anos, moito máis alá”, sinalou Conde, que destacou neste senso a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que será o compás da política galega en innovación ata 2020 e guiará a mobilización de máis de 1.600 millóns de fondos públicos europeos e investimento privado en proxectos innovadores. Conde invitou ao CSIC a xogar un papel importante na execución deses fondos, “colaborando na construción de pontes entre o sector público e o privado”.