Conde destaca a importancia da innovación no eido do envellecemento activo, un dos retos da RIS3, durante a inauguración das instalacións de Abeiro Gold

2013-12-19
  • O conselleiro de Economía e Industria inaugura unha nova residencia para maiores que, co apoio financeiro da Xunta, suporá un investimento de 10 millóns de euros
  • Destaca a importancia da innovación no eido do envellecemento activo, un dos retos da Estratexia de Especialización de Intelixente (RIS3) que guiará o investimento de 1.100 millóns de euros ata 2020
  • Salienta o “impulso emprendedor” de Abeiro Gold que ten permitido crear 90 postos de traballo en Lugo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe o “impulso emprendedor” do proxecto Abeiro Gold, unha nova residencia para maiores que ten permitido a creación de 90 novos postos de traballo en Lugo. Durante a inauguración das instalacións, Conde resaltou o apoio financeiro da Xunta a un investimento de 10 millóns de euros que, sinalou, suma na dinamización da economía da zona, e contribúe a facer fronte ás situacións xeradas polo envellecemento poboacional.

“É simbólico que sexa precisamente en Lugo onde hai empresarios que teñen a confianza para investir nun proxecto de futuro, porque Lugo, xunto a Ourense e Ferrolterra, deben ser líderes no crecemento que está por chegar”, defendeu o conselleiro, de forma que contribúan á vertebración territorial da economía galega.

Conde salientou o pulo innovador co que nace Abeiro Gold, destacando a instalación de paneis solares e caldeiras de biomasa, en liña neste último caso co plan de impulso á biomasa recentemente anunciado polo Goberno galego.

Precisamente, Conde resaltou a importancia da innovación –máis alá das propias instalacións- no eido do envellecemento activo. O conselleiro lembrou a recente presentación no Parlamento da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que guiará o investimento de 1.100 millóns de euros en fondos europeos de acordo a tres retos. Un deles, subliñou, é precisamente a aplicación das solucións tecnolóxicas para un modelo de vida saudable e un envellecemento activo.

“Galicia debe ser unha rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable, ademais de na promoción da autonomía persoal, e a RIS 3 será clave no noso camiño cara ao liderado”, concluíu.