O Programa Conecta Pemes impulsará 30 proxectos innovadores por valor de 25 millóns que levarán a cabo máis de 100 pequenos e medianos emprendedores

2013-12-19
  • A iniciativa pretende fomentar “unha innovación aberta, unha innovación que está abocada á transferencia dos seus resultados ao tecido empresarial”, explica Feijóo
  • A contía dos proxectos apoiados oscila entre 600.000 euros e 1,5 millóns, polo que este programa se configura como “unha vía idónea para o acceso á innovación ás pemes que antes non podían acceder, dado que o único programa que había era para a grande empresa”, sinala
  • Remarca que o Conecta Pemes se configura “nunha ponte entre a innovación galega e as pequenas e medianas empresas que actúan conxuntamente e os centros tecnolóxicos e de coñecemento”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o Programa Conecta Pemes impulsará 30 proxectos innovadores por valor de 25 millóns que beneficiarán a 104 empresas e a 17 centros tecnolóxicos.

Logo de que a Consellería de Economía e Industria informase da resolución da liña de axudas do programa, Feijóo precisou que a iniciativa incentiva a innovación para a mellora competitiva das pemes, fomentando o desenvolvemento de proxectos de colaboración entre un mínimo de 3 e un máximo de 6 empresas, e a participación de, polo menos, un centro tecnolóxico ou de investigación.

“Fomentamos unha innovación aberta, unha innovación que está abocada á transferencia dos seus resultados ao tecido empresarial e por iso apoiamos proxectos que presentan unha importante capacidade para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico de Galicia”, explicou.

Así mesmo, a contía dos proxectos apoiados oscila entre 600.000 euros e 1,5 millóns e deste xeito, dixo Feijóo, este programa “pioneiro”, Conecta Pemes, configúrase como “unha vía idónea para o acceso á innovación ás pequenas e medianas empresas que antes non podía acceder, dado que o único programa que había era para a grande empresa”.

O titular do Goberno galego salientou, ademais, que unha parte moi importante das actuacións postas en marcha céntranse en áreas estratéxicas nas que Galicia posúe contrastada potencialidade: alimentación agricultura e pesca (9 proxectos); as TIC (8 proxectos); as nanotecnoloxías e tecnoloxías da produción (5 proxectos); ou a enerxía e o medio ambiente (3 proxectos).

Cómpre salientar, tamén, que o 20% das empresas apoiadas son pequenas, e increméntase neste caso a contía da subvención ata o 60%. E, coa finalidade de garantir a adecuada presenza dos centros tecnolóxicos e de investigación, o programa destina 4 millóns á súa contratación: en total, participan no desenvolvemento dos distintos proxectos 17 centros de coñecemento da Comunidade, garantindo a transferencia de coñecemento aplicado desde estes organismos.

Por último, o responsable autonómico resaltou que o Conecta Pemes se configura como “unha ponte entre a innovación galega e as pequenas e medianas empresas, que actúan conxuntamente, e os centros tecnolóxicos e de coñecemento, que tamén actúan conxuntamente coas pemes”, concluíu.