Feijóo subliña a aposta de Galicia pola captación de recursos europeos para a innovación e destaca o aproveitamento do 100% que a nosa comunidade fixo do Fondo Tecnolóxico no período 2007-2013

2013-12-18
  • Salienta que a captación de fondos comunitarios foi posible grazas a “cadrar as contas” e á tarefa de “priorización” que fixo a Comunidade galega, en virtude do que se puideron financiar programas como o Innterconecta, no que Galicia é a Autonomía que máis fondos dispón para a súa execución, o 40% do total
  • Sinala que o deseño da estratexia de especialización intelixente RIS3 busca acadar os máximos fondos europeos e pon o acento na mobilización de 1.600 millóns de euros ata 2020 para lograr un novo modelo de crecemento que se sustente na innovación en todos os sectores produtivos
  • Explica que a Xunta destina 4,5 millóns para a contratación de persoal de centros tecnolóxicos e de investigación, no marco dos contratos-programa e lembra a aposta por lograr que os mellores investigadores galegos permanezan na nosa terra
  • Apunta que os proxectos presentados polas universidades galegas permitirán xerar case un centenar de empregos para científicos e incrementar a aposta galega pola innovación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a aposta que está a realizar a Comunidade galega pola captación de recursos europeos destinados á innovación e destacou o aproveitamento, de practicamente o 100%, que Galicia fixo do Fondo Tecnolóxico no período 2007-2013. Así o asegurou durante o acto de presentación dos proxectos de innovación das tres universidades galegas, unhas iniciativas que mobilizarán, no seu conxunto, 19 millóns de euros e que permitirán xerar case un centenar de empregos para científicos e incrementar a aposta galega pola innovación. Uns proxectos que, en palabras de Feijóo, demostran que Galicia segue apoiando “ao máximo nivel” a captación de partidas europeas, intensificando a mobilización do Fondo Tecnolóxico.

Feijóo lembrou que a captación destes fondos comunitarios foi posible grazas a que houbo un cofinanciamento das Administracións públicas, que “soamente se pode conseguir –dixo-, se somos capaces de cadrar as contas públicas e se somos capaces de priorizar os investimentos co diñeiro público”. Unha solvencia en virtude da cal a Xunta puido cofinanciar convocatorias como as do programa Innterconecta. “Somos a Comunidade Autónoma que máis fondos públicos de innovación dispón para a súa execución”, aseverou, incidindo en que Galicia captou o 40% de todos os fondos tecnolóxicos destinados a este programa en toda España.

Feijóo lembrou, así, que entre as dúas convocatorias do Innterconecta Galicia logrou captar 210 millóns para innovar e para mellorar a competitividade da economía, a través de proxectos nos que participan 400 empresas galegas.

1.600 millóns de euros na estratexia RIS3

O presidente galego explicou que, nesta carreira por captar recursos para a innovación das empresas da Comunidade, a Xunta deseñou a estratexia de especialización intelixente RIS3, que fixa as prioridades de investimentos que canalizarán os fondos europeos estruturais destinados á investigación e á innovación. Unha estratexia que Galicia ten que presentar ante a UE para poder percibir a maior parte dos fondos estruturais do Orzamento comunitario no período 2014-2020.

Esta planificación pon o acento na mobilización de 1.600 millóns de euros ata 2020 para facer un novo modelo de crecemento que se sustente na innovación en todos os sectores produtivos e incide en que a participación privada en innovación pase do 42% actual ao 50% no ano 2020.

En definitiva, afirmou o presidente da Xunta, “estamos convencidos de que unha estratexia que apoia o talento investigador, que fomenta a transferencia de coñecemento e que impulsa a pequena e mediana empresa é, sen dúbida, un obxectivo que temos que conseguir neste período 2014-2020”.

Aposta polo talento

Feijóo salientou que a aposta do Executivo autonómico polo talento galego tamén se ve reforzada con outras iniciativas. Puxo como exemplo o impulso para lograr que os mellores investigadores galegos permanezan na nosa terra traballando coas mesmas condicións que nos centros punteiros do exterior; ou os contratos-programa impulsados pola Xunta, cun investimento de 4,5 millóns de euros para a contratación de persoal de centros tecnolóxicos e de investigación na Comunidade, orientados á obtención de resultados.

“Imos seguir traballando, somos plenamente conscientes do noso potencial, das nosas posibilidades e eu quero hoxe felicitar aos reitores. Creo que a dos reitores, que falan de investigación, de innovación, de economía, de ser útiles á sociedade galega, é unha mensaxe coa que o Goberno galego non pode estar máis de acordo e que o Goberno galego non pode apoiar con máis énfase”.

Os tres proxectos das universidades galegas

O presidente da Xunta argumentou que os tres proxectos das universidades presentados hoxe permiten que desde o Executivo autonómico se siga avanzando no reforzo da promoción de iniciativas que impulsan “o talento investigador” nas universidades de Galicia, ao tempo que propician “a transferencia deses resultados, a transferencia do coñecemento e da innovación”.

Feijóo remarcou que Galicia conta con universidades “que traballan todos os días por seguir mellorando” e subliñou o seu papel como “difusoras de coñecemento e da cultura”, como “instrumentos vivos” e “mecanismos capaces de transformar a sociedade”.

Respecto aos proxectos presentados hoxe, o presidente da Xunta dixo que reflicten a aposta das institucións académicas galegas “polos sectores da economía de Galicia”. Así, a Universidades de Santiago desenvolverá o proxecto Laser-PET, que consiste na posta a punto para a produción de radioisótopos PET de vida media corta, cuxas aplicacións se circunscriben ao ámbito da radiofarmacia diagnóstica e á biomedicina. Feijóo, considerou que “é un acerto facer a aposta pola investigación e pola tecnoloxía na Sanidade”. Lembrou, nesta liña, que o I+D+i na Sanidade supuxo que Galicia conte con 90 millóns de euros de fondos europeos para facer dous proxectos estratéxicos: o Innova Saúde e o Hospital 2050. “Estamos a punto, espero este mes, de adxudicar ese Hospital 2050 que imos situar no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”, indicou a este respecto.

Pola súa banda, a Universidade da Coruña centra a súa iniciativa innovadora A-Tempo no sector naval, co obxectivo de impulsar a competitividade dun dos sectores estratéxicos da economía galega. Un proxecto que Feijóo considerou “acertado, actual e que está perfectamente enfocado aos ámbitos das novas tecnoloxías navais”. A este respecto, o presidente da Xunta incidiu en que o sector naval ten que “reorientarse” desde o punto de vista do transporte de mercadorías e desde o punto de vista da industria do petróleo. “É aquí, na reconversión dos obxectivos do naval onde a Universidade da Coruña quere traballar”, abundou.

A Universidade de Vigo traballará no sector das novas tecnoloxías, coa posta en marcha do proxecto TACTICA, proposto por AtlanTIC, o centro singular de investigación da universidade olívica que está composto por 11 grupos de investigación e máis de 200 persoas, pertencentes á área TIC. Un sector, sinalou Feijóo no que traballan 15.000 persoas en toda Galicia; que dá emprego a 2.000 empresas que conforman este sector na Comunidade; e onde a Xunta acaba de asinar un Pacto Tecnolóxico coas dez empresas máis importantes do mundo.