Conde salienta a aposta do naval galego pola innovación como clave para que o estaleiro Nodosa construíse a maior draga da súa clase realizada en España

2013-12-12
  • O conselleiro de Economía e Industria destaca a fortaleza industrial, innovadora e internacionalizadora do sector, en especial do estaleiro de Bueu, que botou hoxe o buque Moustakbal 2 no Porto de Marín
  • No transcurso da botadura, o armador –do grupo marroquí Drapor- avanzou que seguirá confiando na empresa galega e que as negociacións para construír unha segunda draga das mesmas características que a primeira están “moi avanzadas”
  • Conde tende a man aos armadores e ás autoridades do país africano para impulsar as relacións comerciais en todos os ámbitos

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a aposta do naval galego pola innovación como clave para que o estaleiro Nodosa fose quen de levar a cabo a maior draga da súa clase construída en España, o Moustakbal 2. Un fito que o conselleiro destacou durante a botadura do buque, hoxe no porto de Marín, nun acto durante o que o armador –do grupo marroquí Drapor- destacou as capacidades amosadas pola empresa galega e anunciou que seguirá confiando nela. Por iso, resaltou o armador, as negociacións para construír unha nova draga das mesmas características que o Moustakbar 2 xa están “moi avanzadas”.

Pola súa parte, Conde tendeu a man tanto ao Grupo Drapor como ao Goberno marroquí para ampliar as relacións comerciais con Galicia, e destacou que o éxito do Grupo Nodosa responde a un esforzo de máis de 40 anos, que lle permitiu crecer desde unha peme do metal ata un estaleiro con misións comerciais en tres continentes. Unha evolución que –sinalou- foi paralela á crecente fortaleza industrial, innovadora e internacionalizadora do naval galego.

Neste senso subliñou a fortaleza industrial dos estaleiros galegos, que grazas ao seu esforzo e competitividade foron quen de resistir en tempos complicados, un traballo respaldado por máis de 80 millóns en axudas por parte do Goberno galego, co obxectivo de salvar unha peza clave da industria galega.

A esa fortaleza industrial se lle suma a aposta pola innovación do naval galego e en especial do Grupo Nodosa, que participa en varios proxectos innovadores do programa Innterconecta, un dos cales –levado a cabo en colaboración con outras empresas, estaleiros e un centro tecnolóxico- mobilizará 2 millóns de euros en investimentos.

No eido internacional, Conde destacou as misións comerciais de Nodosa por Europa, África e América, e destacou que o labor dos estaleiros galegos continuará a ser apoiado pola diplomacia comercial da Xunta, e polas súas ferramentas de apoio á internacionalización.