A Xunta salienta a capacidade tecnolóxica e innovadora do naval galego como a súa principal vantaxe competitiva

2013-11-27
  • O director xeral da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, e o director do Igape, Javier Aguilera, abriron hoxe en Santiago o Maritime and Innovation Brokerage Event (MIBE), o principal evento europeo relacionado coa innovación no sector marítimo
  • Destacan a relevancia de Galicia neste eido polos seus recursos naturais, a súa ubicación e a capacidade das súas empresas
  • Salientan a importancia do naval na Estratexia de Especialización Intelixente para Galicia- RIS3
  • No encontro participan empresas, administracións e centros de coñecemento de máis de 20 países europeos

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, e o director do Igape, Javier Aguilera, salientaron hoxe na apertura do Maritime and Innovation Brokerage Event 2013 (MIBE), que se celebra estes días en Santiago de Compostela, a capacidade tecnolóxica e innovadora do naval galego como unha das súas principais vantaxes competitivas a nivel internacional.

O director da Axencia Galega de Innovación destacou que o sector naval ten un papel fundamental na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) para Galicia, que permitirá mobilizar máis de 1.600 millóns en innovación na Comunidade no período 2014-2020. Así, no segundo dos tres retos fixados nesta estratexia, búscase mellorar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega, como o naval, o téxtil, a alimentación ou a metalurxia, sendo prioritaria a transformación da industria tradicional para aproveitar novos nichos de mercado. Isto acompañarase da mellora da competitividade industrial a través da aplicación da innovación nos procesos produtivos para camiñar cara a fábrica do futuro: un modelo máis eficiente e cun mellor comportamento medioambiental.

Pola súa banda, o director do Igape, Javier Aguilera, resaltou a relevancia de Galicia nos distintos ámbitos que abarca o sector marítimo, polos seus recursos naturais, a súa ubicación e a capacidade das súas empresas. Aguilera resaltou así mesmo a importancia da cooperación e a implicación de todos os axentes, e a importancia de darlle un novo impulso ao tecido empresarial apostando pola innovación e poñendo o acento nas persoas.

Salientou tamén o director do Igape o acordo asinado onte entre o estaleiro Hijos de J. Barreras e Pemex que dá entrada á petroleira no estaleiro vigués, como un “catalizador dun cambio de tendencia do sector naval” e unha importante oportunidade para a obtención de novos contratos para os estaleiros galegos e a súa industria auxiliar.

O MIBE, organizado pola Axencia Galega de Innovación, é o principal evento europeo relacionado coa I+D+I do sector marítimo, e nel están a participar representantes de máis de 20 países europeos e organizacións que representan todo o proceso innovador, incluíndo empresas, administracións e centros de coñecemento.

O obxectivo do encontro é promover a investigación e o seu desenvolvemento como ferramenta para a mellora do sector e a conversión de Europa en líder competitivo a nivel mundial. O evento é de especial importancia para fomentar o intercambio de coñecemento e a definición de novos proxectos entre os asistentes. Está impulsado por Waterborne TP, a plataforma tecnolóxica europea que reúne a 24 institucións gobernamentais da Comisión Europea, ministerios de transporte de varios países europeos e a 16 institucións non gobernamentais, entre as que destacan SEA EUROPE (Ships & Maritime Equipment Association) ou ECSA (European Community Shipowners’ Associations) e a fundación española INNOVAMAR.