Conde subliña o fomento ao espírito emprendedor e o talento dos mozos e mozas galegos da Feira científica Galiciencia

2013-11-22
  • O conselleiro entregou hoxe en San Cibrao das Viñas os premios da maior feira científica de Galicia, organizada por Tecnópole co apoio da Consellería de Economía e Industria
  • Alumnos do IES Xoán Montes de Lugo foron os gañadores absolutos do certame de proxectos científicos cun sistema antikamikazes para autoestradas
  • Na categoría de 1º ciclo da ESO recibiron o premio alumnos do lucense Centro Educativo Galén, que elaboraron un perfume ecolóxico
  • Unha alumna do IES Julio Prieto Nespereira de Ourense que presentou un prototipo de cadeira cun respaldo intelixente foi a gañadora na categoría de Bacharelato

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na entrega dos premios da Galiciencia 2013 o papel da maior feira científica de Galicia como o escaparate perfecto do talento, a innovación e o espírito emprendedor dos mozos e mozas galegas, que desde a Xunta se estimula e apoia.

Conde, que felicitou tanto ao profesorado como ao alumnado que participou nos últimos tres días neste encontro organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole co apoio da Consellería de Economía e Industria, animou a todos os participantes nos 50 proxectos que se presentaron ao certame a seguir aprendendo, emprendendo e innovando, xa que, sinalou, “vós sodes os investigadores e emprendedores do futuro”.

Tal e como apuntou o conselleiro, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o director da Axencia Galega de Innovación, Varela Rey, a Galiciencia demostra “demostra que a ciencia é divertida e que con imaxinación e dedicación podemos materializar as nosas ideas”.

Proxectos innovadores

O gañador absoluto da Galiciencia 2013, no que competiron 50 equipos de estudantes de toda Galicia e tamén de Barcelona, foi un sistema antikamikazes para autoestradas presentado polos alumnos Xosé Lois Chorén e Unai Ansedes, do IES Xoán Montes (Lugo). O proxecto foi o vencedor na categoría de 2º ciclo da ESO e gañador absoluto por impoñerse en puntuación aos dos outros dous equipos gañadores nas categorías de 1º ciclo da ESO e Bacharelato. O obxectivo deste proxecto de seguridade vial que foi destacado de xeito unánime polo xurado é avisar aos condutores que accedan por sentido contrario a unha autoestrada por erro, despiste ou deficiente sinalización vertical. Basicamente consiste no repintado das liñas brancas actualmente existentes no firme con pintura fotoluminiscente e en relevo (para producir sonoridade). A nova pintura fará que as liñas se vexan de cor branco no sentido correcto da marcha, pero se se se entrara en dirección contraria veríase de cor vermella xa desde o mesmo punto de intersección desde a estrada de acceso.

Os gañadores na categoría de 1º ciclo da ESO, Marieta Orol e Carlos López, do Centro Educativo Galén, tamén de Lugo, realizaron unha investigación do seu contorno para identificar e recoller plantas das que poder extraer aceites esenciais co obxectivo de elaborar un perfume ecolóxico. O proxecto inclúe a planificación económica de custos e prezo, a parte artística de elaboración dunha etiqueta, a parte creativa e lingüística da campaña de marketing e publicidade, a parte tecnolóxica de materiais e ferramentas, e todo isto cun obxectivo solidario como é a colaboración cunha ONG.

Na categoría de Bacharelato a gañadora foi Alba Fernández, do IES Julio Prieto Nespereira (Ourense), que presentou un prototipo de cadeira cun respaldo intelixente que, ante unha postura inadecuada das costas, alerta mediante pilotos luminosos.O seguinte paso será incorporarlle tamén son, e como o proxecto se orienta sobre todo a centros escolares, a idea da creadora é que o son se emita nunha frecuencia moi baixa que os adultos non perciben, pero si os máis novos.

Cada un dos membros dos tres equipos gañadores levou un smartphone que no caso do primeiro premio absoluto se completa co financiamento da viaxe á Exporecerca, a feira científica de ámbito estatal que se celebra en Cataluña. Coa clausura da Galiciencia dase por rematada a Semana da Ciencia en España, na que a FECYT destacou entre as actividades de referencia a feira celebrada na Tecnópole.

Un xurado experto

Os proxectos premiados foron elixidos por un xurado experto formado por 45 persoas, entre os que se atopaban científicos, profesores e empresarios da Tecnópole. Logo de visitar os 50 proxectos procedentes de colexios da provincia de Ourense, Pontevedra, A Coruña, Lugo e Barcelona, fixeron as súas avaliacións e coa media das puntuacións elaborouse o ranking final.

Todos estes proxectos estiveron expostos durante os últimos tres días no recinto da Tecnópole e recibiron a visita de máis de 2000 persoas, entre grupos de colexios e familias que asistiron por libre. Ademais da exposición de proxectos, a ‘Galiciencia’ contou cunha ampla oferta de actividades paralelas que incluíron unha exposición e talleres para conmemorar o Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga, ademais dun espectáculo retransmitido en streaming sobre a base científica dos poderes dos superheroes de cómic.

No acto de clausura entregáronse tamén os premios dos concursos de fotografía e debuxo sobre a auga convocados antes da celebración da feira. Todos os gañadores son do Colexio Alborada de Vigo: no de fotografía o profesor Alberto García Mallo e a alumna Laura Costas e no de debuxo Diego Vázquez.