Conde salienta que Vigo xogará un papel clave na estratexia de captación de centros de I+D+i de grandes empresas

2013-11-19
  • O conselleiro de Economía e Industria destaca a creatividade en rede como clave para que Galicia acade un ecosistema innovador capaz de redefinir o modelo produtivo
  • Resalta que a Xunta está a mobilizar este ano 80 millóns de euros en innovación na comarca de Vigo, 55 dos cales corresponden ao programa Innterconecta
  • Durante a súa intervención na Tribuna do Club Financiero de Vigo, defende a necesidade de cooperar para innovar e transferir os resultados dese traballo ao mercado, a través da colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos e do coñecemento
  • Salienta a retención do talento como clave para acadar a competitividade, e destaca o novo plan do Goberno galego para reter aos mellores científicos da comunidade coas mesmas condicións que reciben nos mellores centros de investigación do estranxeiro
  • Chama aos empresarios de Vigo a mellorar a capacidade galega para innovar a través da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3, que guiará a mobilización de 1.600 millóns en innovación ata o 2020

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que Vigo xogará un papel clave na estratexia de captación de centros de I+D+i de grandes empresas, un traballo que a Xunta ten como prioritario para 2014, e para o que destinará máis dun millón de euros a incentivar posibles investidores. Durante a súa intervención na Tribuna do Club Financiero de Vigo, na que Conde analizou A creatividade en rede como eixo para converter Galicia nun ecosistema innovador, garantiu que esa aposta do Goberno galego por atraer centros de referencia en innovación “se repetirá ano tras ano durante esta lexislatura co obxectivo de consolidar Galicia como referente europeo en innovación”.

“A atracción de centros de investigación, desenvolvemento e innovación de grandes empresas é unha ferramenta máis no camiño de Galicia cara a redefinición do seu modelo produtivo, un modelo que permita un crecemento sostible que xere empregos de calidade”, sinalou Conde. Un camiño que pasa, destacou, pola “creatividade en rede” como clave para que Galicia acade un ecosistema innovador.

Conde destacou que Galicia xa acadou éxitos neste sentido, e salientou o papel tractor destes centros sobre as pemes locais. Entre os atractivos de Vigo para que novas empresas se decidan pola comarca para instalar os seus centros de I+D+i, Conde citou o papel clave da Universidade de Vigo, o rol dos centros tecnolóxicos e do coñecemento da comarca, as empresas e os clústers da zona, ademais da presenza de sectores estratéxicos como o naval, a automoción e as TIC. Todos, salientou, teñen permitido impulsar a competitividade da comarca viguesa, ata o punto de que o 25% de todos os ingresos empresariais de Galicia se obteñen nesta comarca.

Tamén resaltou como eixo para esa posición punteira de Vigo no eido innovador o apoio do Goberno galego, que este ano está a mobilizar 80 millóns de euros en apoio a proxectos innovadores da comarca viguesa.

55 millóns no Innterconecta

Conde destacou neste senso o papel clave que a comarca viguesa está a xogar na innovación galega a través do Innterconecta, que está a mobilizar na comarca 55 millóns de euros en apoio a proxectos innovadores, e sinalou a importancia do Conecta Pemes, que busca mobilizar 40 millóns de euros entre 2013 e 2014.

O apoio do Goberno galego á innovación da comarca concrétase ademais no permanente respaldo aos centros tecnolóxicos e do coñecemento, que actúan como locomotoras da innovación empresarial. Neste senso, Conde resaltou o apoio da Xunta a Aimen, con máis de 4 millóns para o seu centro de aplicacións láser; o apoio a Anfaco, con máis de 8 millóns para a construción do seu centro tecnolóxico; o respaldo ao proxecto Atlantic, 7 millóns de euros para impulsar a colaboración de Gradiant e a Universidade de Vigo; e o financiamento por parte da Xunta do centro para investigar coches intelixentes do CTAG, un proxecto que supuxo 10 millóns de euros de investimento.

No eido da competitividade, o conselleiro destacou o papel do Goberno galego en apoio das empresas para que “sexa Galicia a que dea a seguinte gran sorpresa” no eido da innovación, pero resaltou que non é a Administración pública, senón os emprendedores galegos, os que deben identificar e apostar por cal será o próximo sector con potencial.
O que si pode facer a Administración, sinalou, é “impulsar ata o final a creatividade e a imaxinación de forma que ningunha boa idea quede aparcada”, eliminando barreiras burocráticas e garantindo unhas regras que permitan ás empresas competir e cooperar; creando un clima que force ás empresas a mellorar a súa eficacia, innovación, talento e procesos; apoiar a compañías en dificultades por falta de crédito; “ou axudarlles cando a competencia desleal doutros territorios nos force a igualar o terreo de xogo”.

Como eixos para acadar esa creatividade en rede, Conde destacou tres: a cooperación, a competitividade e a capacidade para innovar. Da primeira, Conde resaltou como clave a colaboración en rede entre axentes públicos e privados, que Galicia xa está a poñer en práctica, mediante o Innterconecta ou o Conecta Pemes. Estes plans permiten traballar xuntos a empresas, administración pública, centros tecnolóxicos e do coñecemento, e universidades, un traballo clave na transferenza da innovación do sector público ao privado.

Por último, Conde destacou que a capacidade de innovación galega pasa por reter o mellor talento galego, e nese senso referiuse aos contratos-programa dos centros tecnolóxicos e do coñecemento, pero destacou especialmente o novo programa do Goberno galego, que grazas aos orzamentos da Consellería para 2014 permitirá a científicos de primeira fila traballar en Galicia coas mesmas condicións que lles ofrecen as institucións punteiras doutros países. Uns orzamentos, destacou, que dedican 1 de cada 3 euros a innovación, co obxectivo de mobilizar 130 millóns de euros en 2014.

E como clave da capacidade de innovar galega nos próximos sete anos, Conde salientou por riba de todo a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), un documento que non só permitirá a Galicia acceder a máis de 2.700 millóns en fondos FEDER, FEADER e FSE entre 2014 e 2020 –como requisito establecido pola Unión Europea-, senín que marcará os obxectivos da innovación galega nese período. Conde destacou que a partir de boa parte deses fondos europeos, Galicia mobilizará máis de 1.600 millóns de euros en innovación ata 2020.