Feijóo destaca que a Estratexia RIS3 mobilizará 1.600 millóns ata 2020 para facer un novo modelo da economía en Galicia baseado na innovación en todos os sectores

2013-11-07
  • Subliña que esta Estratexia ponse ao servizo dos sectores produtivos e ao servizo das necesidades dos galegos con tres retos: novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación; novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento; e novo modelo de vida saudable cimentado no desenvolvemento tecnolóxico
  • Incide en que a RIS3 involucra a toda Galicia, xa que non é unha folla de ruta que implique exclusivamente a un goberno, senón tamén a universidades, clústeres, pemes e centros tecnolóxicos e de investigación
  • Lembra o esforzo feito nos últimos anos nesa aposta pola innovación: coa Lei de innovación; coa creación da Axencia de Innovación; destinando en 2013 a innovación un investimento superior aos 150 millóns; impulsando axudas de innovación específicas para as pemes; e establecendo contratos programa, por primeira vez, para os centros tecnolóxicos e para os centros de investigación
  • “A RIS3 supón un desafío compartido entre a Xunta, os axentes do Sistema Galego de Innovación, as empresas e a propia cidadanía, que nos permitirá cambiar o modelo produtivo, crecer de forma sustentable no tempo, e crear emprego estable, de calidade e alto valor engadido”, di o conselleiro de Economía e Industria

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación, hoxe no Consello, da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3, que fixa as prioridades de investimento que canalizarán os fondos europeos estruturais destinados a investigación e a innovación. “Trátase –explicou- dunha Estratexia obrigada que temos que presentar ante a UE para poder percibir a maior parte dos fondos estruturais do presuposto europeo 2014-2020. Unha Estratexia que garante a solidez da aposta de Galicia pola innovación ata o ano 2020 e coa que se prevé mobilizar 1.600 millóns de euros, o que significa que cada ano desta década iremos incrementando o presuposto en materia de innovación en Galicia”.

Nun primeiro termo, Feijóo subliñou que esta Estratexia ponse ao servizo dos sectores produtivos e ao servizo das necesidades dos galegos con tres retos: novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseado na innovación, “é dicir, un novo modelo de xestión de recursos autóctonos”; novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento; e novo modelo de vida saudable cimentado no desenvolvemento tecnolóxico.

Así mesmo, afirmou que a RIS3 involucra a toda Galicia, xa que non é unha folla de ruta que implique exclusivamente a un goberno, senón tamén a universidades, clústeres, pemes e centros tecnolóxicos e de investigación. “Non en van esta Estratexia está deseñada coa participación de 240 axentes, que serán tamén parte fundamental da súa aplicación con dous obxectivos: que a participación privada na innovación pase do 42% actual ao 50% no ano 2020; e, en segundo lugar, que captemos algúns centros de I+D das principais empresas españolas ou multinacionais que se ubiquen en Galicia”, aseverou.

Por último, Feijóo destacou que a Estratexia de Especialización Intelixente mantén, amais, a Galicia como unha comunidade capaz de investir con utilidade os fondos europeos.

“En definitiva –dixo a modo de resumo-, 1.600 millóns de euros ata o ano 2020 para facer un novo modelo da economía en Galicia baseado na innovación en todos os sectores: na innovación nos recursos naturais, na innovación nun novo modelo industrial baseado no coñecemento e na innovación no envellecemento activo da poboación”.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención garantindo o compromiso da Xunta cunha nova Galicia na que a innovación formará parte dun eixo vertebrador da nosa economía. E, neste sentido, lembrou o esforzo feito polo Goberno galego nos últimos anos nesa aposta pola innovación: coa Lei de innovación; coa creación da Axencia de Innovación, que aglutina todas as políticas de innovación sectoriais das distintas consellerías; incrementando os recursos, destinando en 2013 a innovación un investimento superior aos 150 millóns; impulsando axudas de innovación específicas para as pemes; e establecendo contratos programa, por primeira vez, para os centros tecnolóxicos e para os centros de investigación.

Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou que a Estratexia de Especialización Intelixente xorde como chave para facer da innovación o eixo sobre o que fundamentar o crecemento económico e a mellora competitiva do tecido produtivo galego. Deste xeito, explicou, o Goberno galego multiplica o seu esforzo en innovación a través dun triplo eixo de actuación: o impulso ao talento investigador; a aposta pola transferencia real do coñecemento ao tecido empresarial galego; e o uso eficiente dos recursos públicos de cara á captación de fondos europeos e a mobilización de capital privado.

Neste sentido, Conde lembrou que o 60% dos instrumentos previstos na Estratexia Galega de Innovación, vinculada á RIS3, teñen unha alta capacidade de mobilización de capital privado, determinante para que “a innovación sexa realmente efectiva e se aplique as necesidades reais do noso tecido produtivo”.

“A RIS3 supón un desafío compartido entre a Xunta, os axentes do Sistema Galego de Innovación, as empresas e a propia cidadanía, que nos permitirá cambiar o modelo produtivo, crecer de forma sustentable no tempo, e crear emprego estable, de calidade e alto valor engadido”, subliñou.