Conde sinala a empresa coruñesa Russula como exemplo de emprendemento, internacionalización e innovación

2013-11-06
  • A compañía de enxeñería, que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, emprega a 180 persoas
  • Máis do 90% do seu negocio procede das exportacións e conta con delegacións en 9 países de todo o mundo
  • Está a desenvolver un proxecto de innovación dentro do Innterconecta, un programa impulsado pola Xunta que promove a colaboración público-privada

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe a empresa coruñesa de enxeñería industrial Russula, que celebra o seu 25º aniversario, como un exemplo de “emprendemento, internacionalización e innovación”. Conde destacou que máis do 90% do negocio da compañía (con sede principal na Coruña e que emprega a 180 persoas) procede das exportacións, sendo o mercado americano o principal destino das súas vendas no estranxeiro.

“Nunha época como a actual, Russula segue medrando e entrando en novos mercados” salientou o conselleiro na súa visita ás instalacións da compañía, que coa apertura dunha nova oficina en Rusia conta xa cun total de 9 oficinas en todo o mundo, con presenza en países como Italia, México, Estados Unidos, Brasil e India.

Conde, que estivo acompañado polo presidente de Russula, Manuel Maneiro; así como polo director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela; e o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, destacou que a empresa é unha referencia na enxeñería vinculada co sector siderúrxico, e “está consolidando a súa posición nos mercados grazas aos procesos de innovación e mellora da súa competitividade”.

Neste sentido o conselleiro destacou que a compañía, que ten contado co apoio da Consellería de Economía e Industria para chegar a novos mercados, potenciar a súa competitividade ou acceder ao financiamento, está a participar xunto con outras dúas empresas coruñesas, Celsa Atlantic e TIC Galicia, e o centro tecnolóxico Aimen, nun proxecto do Innterconecta.

Este programa posto en marcha pola Xunta en colaboración co CDTI e cofinanciado polo Fondo Tecnolóxico Europeo busca impulsar proxectos innovadores de colaboración público-privada en toda Galicia, e está a mobilizar na provincia da Coruña 100 millóns de euros, un 46% do total da comunidade.

O proxecto no que está a participar Russula dentro do Innterconecta mobilizará máis de 1,5 millóns de euros no deseño dun sistema de prequecemento de fornos siderúrxicos que permitirá mellorar a súa eficiencia, cos conseguintes beneficios económicos e ambientais.

O conselleiro remarcou a importancia da colaboración entre as empresas e os centros de coñecemento, un eido no que Russula traballa de xeito permanente, con proxectos coa Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña, e incidiu na importancia de trasladar os resultados da investigación ao tecido empresarial.