Economía e Industria salienta a importancia da protección da propiedade industrial para a competitividade das empresas

2013-11-05
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, inaugurou hoxe unha xornada sobre instrumentos de apoio á innovación nas pemes na que se achegaron as diferentes axudas da Consellería de Economía e Industria neste eido
  • A Consellería destina 250.000 euros a apoios para a solicitude de títulos para a protección de innovacións técnicas como patentes e modelos de utilidade
  • O índice de solicitudes de patentes en Galicia por cada millón de habitantes tense incrementado nun 5% con respecto a 2008

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, foi hoxe o encargado de inaugurar unha xornada sobre instrumentos de apoio á innovación nas pemes, centrada na propiedade industrial, os investimentos e o programa Conecta Pemes, na que se puxo de relevo a importancia da protección da propiedade industrial para a competitividade das empresas.

Neste sentido, informouse da nova convocatoria de axudas a empresas para o fomento da propiedade industrial da Consellería de Economía e Industria, dotada con 250.000 euros. Estes apoios destinaranse a atender os gastos empresariais na tramitación de solicitudes de títulos para a protección de innovacións técnicas (invencións), tales como patentes e modelos de utilidade, e da súa renovación ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais.

As axudas, que cubrirán o 70% dos custos subvencionables, poderán solicitarse ata o vindeiro 15 de novembro. O obxectivo destas subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, é impulsar a protección das innovacións técnicas ou invencións, tanto a nivel nacional como internacional, para garantir a plena explotación dos seus resultados e, deste xeito, contribuír á mellora da competitividade das empresas galegas.

Tal e como salientou Manuel Varela, esta liña de apoio á protección de resultados de I+D+i promovida a través da Axencia Galega de Innovación incide na aposta da Xunta pola valorización do coñecemento orientado ao crecemento empresarial mediante a transferencia de resultados de innovación ao mercado.

As políticas de fomento da propiedade industrial en Galicia, xunto co esforzo das empresas galegas, teñen permitido que o ratio de solicitudes de patentes por cada millón de habitantes se incrementase nun 5% con respecto a 2008.

Na xornada organizada hoxe pola Axencia Galega de Innovación no Museo Pedagóxico de Galicia participou a directora do departamento de patentes da Oficina Española de Patentes e marcas, así como diferentes expertos neste eido e representantes de empresas.