Feijóo acredita en Bruxelas que Galicia está a facer os deberes xestionando con eficacia e eficiencia os fondos comunitarios e avanza que a innovación será a área estratéxica de investimento no marco 2014-2020

2013-10-08
  • Cualifica o encontro con Hahn de “frutífero” e agradece ao comisario o resultado das negociacións para que Galicia puidese manter unha rede de seguridade de fondos europeos a pesar de saír xa do obxectivo converxencia
  • Explica que a xuntanza serviu para acreditar ante Bruxelas que Galicia “está executando os fondos FEDER con celeridade”, e apunta que obtivo a felicitación do comisario por ser “unha das rexións europeas que está xestionando, cofinanciando e executando os fondos conforme ás previsións”
  • Faille entrega do primeiro borrador da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS 3, que concreta os ámbitos específicos e prioritarios para investir os fondos 2014-2020; un documento que, avanza, será aprobado polo Consello da Xunta “a finais do mes de outubro ou principios de novembro”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse hoxe en Bruxelas co comisario de Política Rexional, Johannes Hahn, ante o que acreditou que Galicia “está a facer os deberes” xestionando con eficacia e eficiencia os fondos comunitarios, e a quen avanzou que a innovación será unha área estratéxica de investimento no marco orzamentario europeo 2014-2020.

En declaracións aos medios ao finalizar a xuntanza, Feijóo cualificou o encontro de “frutífero” e expuxo que, nel, aproveitou para agradecer a Hahn o resultado das negociacións para que Galicia puidese manter unha rede de seguridade de fondos europeos a pesar de saír xa do obxectivo converxencia e ter unha renda, en termos de PIB, superior ao 90 por cento da media comunitaria.

Feijóo lembrou a primeira reunión que mantivo con Johannes Hahn, en 2011, para expoñer a necesidade de que a UE arbitrase unha rede de seguridade para que aquelas comunidades que, a partir de 2014, abandonasen a categoría de rexións menos desenvolvidas sufrisen unha redución menos abrupta dos fondos comunitarios que percibían; é dicir, establecer unha axuda transitoria que garantise unha aterraxe suave neste novo escenario orzamentario.

Segundo explicou, esta rede de seguridade garante que Galicia poida seguir desfrutando polo menos dun 60 por cento de fondos europeos no período 2014-2020; un obxectivo polo que, dixo, Galicia vén traballando desde o ano 2009 e ao que, engadiu, haberá que sumar a porcentaxe adicional da proposta de reparto que fará o Goberno de España “na que Galicia supera o 80 por cento de fondos europeos no período 2014-2020”.

En segundo lugar, Feijóo explicou que a xuntanza serviu para acreditar ante o comisario que Galicia “está executando os fondos FEDER con celeridade”. Como proba deste gran esforzo referiuse á colaboración co Estado na xestión do Fondo Tecnolóxico; á participación de Galicia nos programas Innterconecta, con 105 millóns de euros; e aos 90 millóns de euros destinados ao eido da sanidade, en proxectos como o Hospital 2050 e do Innova Saúde.

En consecuencia, resaltou, “obtivemos a felicitación do comisario de que somos unha das rexións europeas que está xestionando, cofinanciando e executando os fondos europeos conforme ás previsións”.

Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3

Como terceiro punto da reunión, Feijóo presentoulle ao comisario e fíxolle entrega do primeiro borrador da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS 3, que concreta os ámbitos específicos e prioritarios para investir os fondos 2014-2020. O mandatario galego avanzou que este documento será aprobado polo Consello da Xunta “a finais do mes de outubro ou principios de novembro”. Nesta liña, Feijóo fixo alusión ás palabras do comisario Hahn que felicitou a Galicia por ter feito os seus deberes e por ser “unha das poucas rexións europeas” que xa ten avanzado nesta estratexia.

O titular do Goberno galego precisou que este “amplo” documento recolle os cinco eidos prioritarios nos que Galicia quere investir os fondos europeos para o período 2014-2020: no eido da sanidade; da agricultura e da pesca, con especial énfase na acuicultura e na biotecnoloxía; no campo do medio ambiente, do turismo e da enerxía; en cuarto lugar en tecnoloxía, especialmente orientada a mellorar a eficiencia da administración, a abaratar os custes de funcionamento e, tamén, a mellorar a relación da administración cos administrados; e en quinto lugar, no eido da innovación orientada ás empresas.

Por último, Feijóo reiterou que Galicia “seguirá facendo os deberes” e, nesta liña, adiantou que esta tarde presentará no Comité da Rexións o ditame Recomendación para un mellor gasto, “unha iniciativa para gastar mellor os fondos europeos e para que as rexións europeas sexamos responsables para gastar con mellor eficacia e con mellor eficiencia os fondos que imos ter entre o 2014 e o 2020”, concluíu.