Conde salienta que a provincia de Pontevedra mobiliza o 43% dos fondos do Innterconecta 2 para proxectos de innovación

2013-10-04
  • As empresas e centros de coñecemento da provincia participarán en 64 das 79 iniciativas que se levarán a cabo en Galicia, mobilizando 65 millóns de euros
  • O conselleiro de Economía e Industria subliña a vocación innovadora da zona durante a clausura do Encontro de secretarios e xerentes de asociacións empresariais, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra
  • Conde trasladou aos empresarios as liñas de traballo do Goberno galego e recolleu as súas inquedanzas e propostas

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a segunda convocatoria do programa Innterconecta mobilizará 65 millóns de euros (o 43% do total galego) en 64 proxectos de innovación empresarial na provincia de Pontevedra, implicando a máis dun cento de empresas.

Durante a clausura do Encontro de secretarios e xerentes de asociacións empresariais organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, Conde recolleu as inquedanzas e propostas dos empresarios e trasladoulles as liñas de traballo do Goberno galego. Entre elas destacou a Lei de Empredemento, que elimina con carácter xeral a licenza municipal de apertura salvo para casos nos que sexan necesarias autorizacións de patrimonio ou medio ambiente. Tamén incidiu nas liñas de axuda do Goberno galego á internacionalización, que este ano suman máis de 20 millóns de euros.

Sinalou ademais a importancia da innovación como clave para gañar competitividade, e destacou que “as empresas de Pontevedra están sendo un exemplo” neste eido, que “terá un reflexo na competitividade do noso tecido produtivo”. Conde resaltou o programa Innterconecta como un eixo clave neste sentido, e subliñou dentro do ámbito pontevedrés o liderado da innovación da comarca viguesa, que mobilizará o 82% de todo o investimento da provincia.

Salientou tamén que este programa promovido pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación, en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI) e cofinanciado polo Fondo Tecnolóxico Europeo, activará equipos de traballo de 10 centros tecnolóxicos e do coñecemento da provincia –dos que 8 serán vigueses-, que recibirán 21 millóns de euros para abordar eses proxectos innovadores, o que supón dous tercios do total galego.

Destacou tamén como unha das razóns clave para o éxito da segunda convocatoria do Innterconecta a aposta galega pola innovación aberta, isto é, a cooperación entre empresas, universidades, asociacións empresariais e centros tecnolóxicos e do coñecemento, para compartir o potencial innovador e transferir os coñecementos do sector público ao privado.

Esa cooperación en innovación é a que está a dar a Galicia unha vantaxe competitiva sobre outros territorios competidores: o Índice de Competitividade Rexional da UE confirma que a innovación galega creceu un 6,4% anual, o que converte a Galicia nunha das 7 rexións que crecen en España, e unha das 50 –de 270 analizadas- que o fan en Europa. E, subliñou Conde, esa vantaxe reflíctese nos bos resultados das compañías pontevedresas no eido exportador, xa que o seu papel foi clave para que as exportacións crecesen máis dun 19% en Pontevedra e un 15% en Galicia no que vai de ano, converténdoa na segunda comunidade cun maior incremento nas súas vendas ao exterior.

O Innterconecta 2 permitirá mobilizar en Galicia preto de 153 millóns de euros en innovación empresarial, máis do dobre que na primeira edición. A achega da Xunta, que aporta un 20% das axudas, permitiu rebaixar de 5 millóns a 1,5 millóns o límite mínimo dos proxectos, dos que tiñan que formar parte cando menos tres empresas de distinto tamaño e contar coa participación, nun mínimo do 15% do presuposto, de organismos de investigación.

Os proxectos seleccionados desenvolveranse en sectores como a enerxía, o medio ambiente e a loxística, a saúde e o benestar, a nanotecnoloxía, o naval, a automoción, as TIC ou a construción.

“Coa vocación innovadora da provincia de Pontevedra, Galicia ten unha base sólida para o seu futuro innovador”, salientou Conde. Un futuro que pasa pola Estratexia de Especialización Intelixente, que facilitará a captación de 2.771 millóns de euros en fondos FEDER e FSE, dos que unha importante parte se dedicarán a innovación, eficiencia enerxética e competitividade das pemes.