Conde salienta os gañadores dos Premios Dolmen como exemplo para a nova xeración de emprendedores galegos

2013-09-27
  • Destaca o pulo innovador das empresas da zona, e avanza que cinco compañías acadaron financiamento do programa Innterconecta 2 para proxectos punteiros

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a clausura da entrega dos premios Dolmen de Ouro que promove a Federación de Empresarios do Barbanza, o papel dos gañadores dos galardóns como exemplo para a nova xeración de emprendedores galegos que crecerá ao abeiro da Lei do Emprendemento que se aprobará este ano. Conde subliñou o apoio que o Dolmen, e especialmente o Dolmen de Ouro, supón para un esforzo empresarial de moitos anos, e subliñou que a cerimonia “é unha data que se ten convertido dun acto, nunha tradición, e dunha tradición, nun símbolo”.

Neste senso, destacou ademais que a entrega destes galardóns, que hoxe acadaron a súa 25ª edición, converteu a miniatura do dolmen de Axeitos nun símbolo do esforzo dos autónomos e empresarios galegos por emprender, nun recordatorio da traxectoria e o compromiso coa comunidade dos gañadores, nunha mostra da forza empresarial da FEB, e nun compás do camiño emprendedor que quere percorrer Galicia para liderar o crecemento que está por chegar.

Conde renovou o compromiso permanente do Goberno galego coas zonas empresariais cubertas pola FEB, especialmente nos tres eidos clave para que o tecido produtivo galego “que moitas veces recoñece o Dolmen de Ouro: o emprendemento, a internacionalización e a innovación”.

No eido do emprendemento e a internacionalización das empresas do Barbanza, o compromiso da Xunta coa comarca foi clave para apoiar os negocios da zona, mobilizando desde 2009 máis de 37 millóns de euros en grandes e pequenos investimentos empresariais, no apoio a máis de 50 proxectos de internacionalización, na creación de novas empresas e na mellora da competitividade das xa existentes.

No ámbito da innovación, Conde salientou que o apoio da Xunta viuse correspondido polo pulo innovador das empresas do Barbanza: cinco empresas dos municipios que agrupa a Federación de Empresarios do Barbanza acadaron financiamento para os proxectos innovadores que presentaron ao programa Innterconecta 2, o que suporá a mobilización de preto de 7 millóns de euros en proxectos punteiros. A esas iniciativas súmanse o medio centenar de proxectos de apoio á competitividade e á innovación que a Consellería de Economía e Industria levou a cabo na comarca desde 2009.

“Todo ese esforzo vai na mesma dirección: xerar riqueza, xerar emprego e xerar comunidade, as tres rochas que sosteñen o Dolmen de Ouro”, destacou Francisco Conde.