Conde salienta que a aposta pola innovación de GKN Driveline ten permitido á planta viguesa exportar a máis de 20 países

2013-09-26
  • O conselleiro de Economía e Industria destaca no 40º aniversario da factoría a participación da compañía en programas como o Innterconecta II, que impulsa proxectos innovadores en áreas estratéxicas para Galicia
  • Sinala as instalacións de Vigo como un referente para un grupo empresarial con presenza en todo o mundo
  • Convida á multinacional a seguir confiando no talento galego impulsando novos investimentos na Comunidade

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nos actos do 40º aniversario da planta viguesa de compoñentes da automoción de GKN Driveline a súa constante aposta pola innovación, que lle ten permitido exportar tres de cada catro pezas producidas en Vigo a 54 clientes de 21 países diferentes.

Na súa intervención, Conde destacou a participación da compañía en programas como o Innterconecta II, promovido pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI), a través do cal se apoian máis dun cento de proxectos que promoven a innovación en áreas estratéxicas para a Comunidade.

Na súa intervención, o conselleiro de Economía e Industria convidou á multinacional GKN a seguir apostando polo talento galego, impulsando novos investimentos na Comunidade. Neste sentido, o conselleiro subliñou a experiencia e a capacidade tecnolóxica das industrias auxiliares do sector automobilístico e do naval en Galicia, apuntando que sitúan á comunidade na liña de saída dun novo reto, o da industria aeronáutica, un eido no que GKN conta cunha división propia.

Conde lembrou tamén que a Estratexia de Especialización Intelixente, que prevé o investimento en Galicia de 1.200 millóns de euros de fondos europeos en innovación, eficiencia enerxética e competitividade das pemes, é unha oportunidade para o desenvolvemento de sectores estratéxicos para Galicia.

Así mesmo, deixou de manifesto o apoio da Xunta á competitividade de GKN, sinalando medidas como a proxectada subestación eléctrica de Nova Vigo, e apuntou que a planta viguesa é un referente para un grupo que conta con instalacións nos cinco continentes, non só polo seu pulo á innovación, senón polos seus avances en seguridade laboral, que a poñen á vangarda do sector.