Feijóo destaca que desde 2009 a Xunta ten concedido máis de 13M€ en axudas á I+D+i no sector da pesca e da conserva, e avoga pola biotecnoloxía como chave para a plena explotación dos nosos recursos mariños

2013-09-16
  • Remarca a importancia de que a nosa Comunidade teña conseguido, fronte a países como Escocia ou Corea do Sur, albergar este congreso mundial, o máis importante que se celebra cada tres anos no campo da biotecnoloxía mariña e que, dixo, nestes vindeiros catro días converterá Galicia na “capital científica internacional”
  • Agradece que a compañía PharmaMar, organizadora deste encontro internacional, que nesta edición se celebra conxuntamente coa Conferencia Europea de Produtos Naturais Mariños, teña actuado como o “gran polo de atracción” para que estes eventos internacionais puxeran o seu foco na nosa terra
  • Salienta que nun futuro inmediato “a pauta que encauzará e intensificará” o apoio do Goberno galego á I+D+i será a Estratexia de Especialización Intelixente, que será presentada “proximamente”, e que situará o sector do mar como un dos “puntos fortes” da innovación en Galicia
  • “A Xunta quere facer da I+D+i un itinerario de futuro ao que sumar a nosa vinculación ao mundo do mar coma un valor engadido”, asegura; e, nesta liña, subliña que o Goberno galego ten mobilizado máis de 22M€ entre as dúas convocatorias do programa FEDER-Innterconecta; a última, resolta recentemente cunha partida aprobada de 17M€

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, desde 2009, o Goberno galego leva concedido máis de 13 millóns de euros en axudas á I+D+i no sector da pesca e a conserva, e avogou por facer da biotecnoloxía a chave para a plena explotación dos nosos recursos mariños. Así o manifestou esta mañá na inauguración do XIV Simposio Internacional de Produtos Naturais Mariños, que se celebra esta semana na Illa da Toxa, onde ratificou a aposta da Xunta por facer da innovación ligada ao sector do mar “un itinerario de futuro”.

O mandatario galego salientou que nun futuro inmediato “a pauta que encauzará e intensificará” o apoio do Goberno galego á I+D+i será a Estratexia de Especialización Intelixente, que será presentada “proximamente”, e que situará o sector do mar como un dos “puntos fortes” da innovación en Galicia. Este programa, dixo, será a “axenda de innovación idónea” para a nosa Comunidade porque “terá moi en conta o importante posicionamento de Galicia no eido da biotecnoloxía”, que “actuará como panca no avance futuro de sectores como o dos produtos do mar”, asegurou.

“A Xunta quere facer da I+D+i un itinerario de futuro ao que sumar a nosa vinculación ao mundo do mar coma un valor engadido”, afirmou o presidente, quen apuntou que o Executivo autonómico está dando soporte ao sector produtivo marítimo galego para que poida innovar, abrirse a novos mercados e industrias e, en consecuencia, competir e crecer desde unha sólida base. Nesta liña, apuntou que a Xunta ten mobilizado máis de 22 millóns de euros entre as dúas convocatorias do programa FEDER-Innterconecta; esta última, resolta recentemente cunha partida aprobada de 17 millóns de euros.

“Iso significa que o sector que vostedes representan recibiu máis do 10 por cento do total dos recursos mobilizados a través das convocatorias Innterconecta que, en total, suman 210 millóns de euros. Galicia é unha das poucas comunidades que subscribiron dúas veces consecutivas este programa porque temos unha situación financeira que nos permite contar con recursos propios para cofinancialos pero, tamén, porque contamos coa sensibilidade do Goberno de España”, sinalou.

Alinear investigación e empresa

Na súa intervención, Feijóo tamén remarcou a importancia da “necesaria alineación ente investigación e industria”, e do traballo dos centros tecnolóxicos e de investigación como “motores de innovación transferible ás empresas”; e recoñeceu que esa é “unha cadea que debemos potenciar”. Así, destacou os contratos-programa que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación e da Estratexia Estatal de Innovación en Galicia, leva asinado cos centros de coñecemento non universitarios da nosa Comunidade para facilitar a interrelación entre centros de investigación e empresas.

Como exemplo desa imprescindible interrelación entre investigación e industria, e no eido marítimo pesqueiro, citou a labor do Centro Tecnolóxico de Anfaco-Cecopesca, que promove a innovación na conservación de produtos da pesca e da acuicultura. Ademais, mencionou que o noso mar tamén é obxecto de estudo en organismos como o Centro de Investigacións Mariñas e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, promovidos pola Xunta; ou tamén, no Instituto de Investigacións Mariñas que o CSIC ten na nosa Comunidade e no Centro Tecnolóxico do Mar. Todos eles, dixo, son “lugares de referencia para a investigación biotecnolóxica mariña”, aos que hai que sumar o traballo dos múltiples grupos de investigación das universidades, capitaneados polo Campus do Mar da Universidade de Vigo.

Galicia, sede da investigación en biotecnoloxía mariña

Ao longo do seu discurso, Feijóo salientou a importancia de que a nosa Comunidade teña conseguido, fronte a países como Escocia ou Corea do Sur, albergar este congreso mundial, o máis importante que se celebra cada tres anos no campo da biotecnoloxía mariña e que, dixo, nestes vindeiros días converterá Galicia na “capital científica internacional”.

Agradeceu, así, que a compañía PharmaMar, organizadora deste encontro internacional, que nesta edición se celebra conxuntamente coa Conferencia Europea de Produtos Naturais Mariños, teña actuado como o “gran polo de atracción” para que estes eventos internacionais puxeran o seu foco na nosa terra. Este encontro, dixo, simboliza o “dobre potencial” de Galicia como fonte de recursos naturais e como expoñente da I+D+i, grazas ao empuxe de empresas como PharmaMar, e tamén, ao traballo dos nosos centros tecnolóxicos.

“PharmaMar, de raíz galega, abandeira a nivel internacional a investigación biotecnolóxica no medio mariño”; con ela, recoñeceu, “Galicia está á vangarda da innovación e obtén, ademais, un necesario efecto dominó sobre moitas das nosas pemes”, apostilou. “A investigación en produtos do mar promete aínda moito máis do que xa nos está dando, e compañías como PharmaMar, nos sitúan na boa dirección”, manifestou.

O presidente galego concluíu destacando que Galicia é hoxe “a sede que auspicia os avances e progresos nos desafíos que prantexa a biotecnoloxía”, e adiantando que volverá selo en outubro de 2014 coa celebración en Santiago da vindeira feira do sector biotecnolóxico Biospain 2014.