A Xunta destina 1,5 millóns aos Bonos de Innovación para impulsar a participación das PEMEs galegas en programas de I+D+i

2013-09-12
  • Esta liña de axudas configúranse como unha medida incentivadora totalmente innovadora en Galicia que facilita ao tecido empresarial o acceso a financiamento de programas nacionais e europeos
  • A Axencia Galega de Innovación homologará axentes facilitadores, que colaborarán coas pequenas e medianas empresas na preparación de proxectos de I+D+i capaces de captar financiamento
  • O obxectivo é incentivar a captación de financiamento nacional e europeo por parte dos axentes do Sistema galego de innovación

A Xunta de Galicia, no seu obxectivo de promover a innovación no tecido empresarial galego como unha das claves para a súa mellora competitiva, está a traballar no desenvolvemento dunha estratexia integral e pioneira en I+D+i. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria porá en marcha a vindeira semana unha novidosa medida innovadora dirixida a facilitarlles ás pemes da Comunidade o acceso a financiamento procedente de programas nacionais e europeos.

Os bonos de innovación configúranse como unha medida incentivadora en Galicia, dotada con 1,5 millóns de euros para o período 2013-2015, e que ten por obxectivo final incrementar a capacidade competitiva do tecido empresarial para acceder aos recursos de financiamento nacionais e internacionais. Para isto, a Axencia Galega de Innovación homologará axentes intermedios e financiará a súa contratación para guiarás empresas na preparación de proxectos de I+D+i capaces de captar financiamento de convocatorias do Goberno central e da UE.

O programa de axudas, do que se informou hoxe ao Consello da Xunta, enmárcase na aplicación da Estratexia estatal de innovación en Galicia (e2i) que, a través dun convenio de 35 millóns de euros entre a Xunta e o Goberno central, está a permitir abordar un conxunto de actuacións estratéxicas para o Sistema galego de I+D+i. Neste caso, o obxectivo final dos bonos pasa por facilitar as maiores vías de acceso posibles ao financiamento por parte das empresas galegas, en especial das pemes, para garantir a sustentabilidade da actividade innovadora como fonte de competitividade e crecemento económico para Galicia.

Esta liña de actuación, que se activará nos vindeiros días mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), premia así aos axentes do Sistema galego de innovación capaces de atraer financiamento competitivo procedente de distintos fondos nacionais e europeos, o que implicará a obtención de retornos que multiplicarán o investimento levado a cabo pola Xunta neste bonos.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria contribúe a superar as barreiras clásicas que se lles presentan ás pemes galegas no seu acceso ao financiamento procedente, en primeiro lugar, de convocatorias nacionais para proxectos innovadores, con especial atención ao programa INNPACTO e ás liñas de apoio do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Polo que se refire ás convocatorias europeas, preténdese facilitar o acceso ao 7º Programa marco de I+D, aos programas bilaterais e multilaterais –Eureka e Iberoeka–, ao Programa Eurostars, ao Programa marco de innovación e competitividade (CIP) e ao Mecanismo financeiro do espazo económico europeo (EEA Grants).

Este tipo de convocatorias recomenda un coñecemento especializado dos requisitos pola complexidade que entraña a presentación de propostas de calidade e a necesidade de formar consorcios para participar en case todos eles, o que frecuentemente excede a capacidade dos equipos de profesionais das pemes. Por este motivo, a Axencia Galega de Innovación homologará axentes expertos nestas tarefas e facilitará a súa contratación por parte das empresas galegas financiando os custos mediante bonos.

Os bonos funcionarán como incentivos e serán trocables como pagamento dos servizos prestados polos axentes, previamente homologados para garantir a calidade do seu traballo. A súa contía estará establecida en función da calidade do proxecto e do número de socios que participen nel.