Conde: “Pese as dificultades, os indicadores demostran o acerto nas políticas económicas e que estamos no bo camiño”

2013-09-11
  • O conselleiro de Economía e Industria subliña a evolución positiva de indicadores como o PIB, a taxa de paro ou o Índice de Produción Industrial
  • En innovación destináronse 148 millóns de euros a este eido en 2013, que facilitan que Galicia rexistre un crecemento anual do 6,4% na materia e unha suba do 8% no número de patentes
  • Conde subliñou a importancia de programas como Innterconecta, que mobiliza 210 millóns de euros en 400 empresas galegas; ou o Conecta Pemes, que mobilizará outros 25 millóns para facer accesible a innovación ás pequenas e medianas empresas
  • Destaca a aposta do Goberno galego por un modelo produtivo baseado na competitividade, que está a permitir tanto o crecemento como a saída ao exterior de moitas empresas galegas
  • Salienta que 6.000 empresas galegas contan xa con presenza exterior, un reflexo do bo comportamento das exportacións, que no primeiro semestre do ano rexistraron un incremento do 20%
  • Con respecto á necesidade de financiamento das empresas, resalta que o Igape concedeu desde 2009 máis de 55.000 axudas, e mobilizou 350 millóns en avais
  • Só no 2012, Xesgalicia aprobou financiamento para o tecido empresarial por un importe global superior aos 45 millóns de euros

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento de Galicia a evolución positiva que, “pese as dificultades”, reflicten os indicadores económicos galegos, que amosan tanto o “acerto nas políticas económicas” como o feito de que “Galicia se atopa no bo camiño” para retomar o crecemento. Neste sentido, Conde destacou algúns indicadores macroeconómicos como o PIB, que pechou o segundo trimestre cunha evolución interanual dúas décimas mellor que a estatal; a taxa de paro, catro puntos inferior á do conxunto do Estado; ou o Índice de Produción Industrial, que leva subido este ano en Galicia un 2,4% fronte ao decrecemento rexistrado en España e en Europa.

“Se estes datos son mellores para Galicia que para o noso entorno é porque desde a Xunta traballamos duro para facelo posible”, explicou Conde, quen resaltou a aposta do Goberno galego por un modelo produtivo baseado na competitividade, que está a permitir tanto o crecemento como a saída ao exterior de moitas empresas galegas. “Temos unha estratexia planificada, coherente e axeitada para mellorar a nosa competitividade. E temos unha folla de ruta que centra os seus esforzos, ademais de no comercio e na economía verde, na innovación, no emprendemento e na internacionalización”, explicou Conde.

O titular de Economía e Industria salientou que 6.000 empresas galegas están saíndo ao exterior, un reflexo do bo comportamento das exportacións, que no primeiro semestre do ano rexistraron un incremento do 20%. Neste contexto, cabe destacar a posta en marcha de ferramentas como a rede Pexga, que atendeu xa máis de 12.000 accións exteriores, ou o servizo de licitacións internacionais Salt, que ten permitido máis de 70 contratos para empresas galegas por valor de 136 millóns.

Este traballo complementa ao que se está a levar a cabo en innovación, con 148 millóns de euros destinados a este eido en 2013, que facilitan que Galicia rexistre un crecemento anual do 6,4% na materia e unha suba do 8% no número de patentes. Neste contexto, Conde subliñou a importancia de programas como Innterconecta, que mobiliza 210 millóns de euros en 400 empresas galegas; ou o Conecta Pemes, que mobilizará outros 25 millóns para facer accesible a innovación ás pequenas e medianas empresas.
Así mesmo, e no tocante ao emprendemento, o conselleiro recordou a nova Lei do Emprendemento, que comezou xa o seu trámite parlamentario co obxectivo de “promover o espírito emprendedor e dotar dun marco favorable” a aqueles que queiran comezar un novo proxecto empresarial.

“Son moitas as empresas galegas que grazas ao seu esforzo e o saber facer están crecendo”, enfatizou Conde, que destacou o esforzo labor da Xunta no apoio a este crecemento empresarial, “sen escatimar esforzos para que as empresas poidan manter a súa actividade e os postos de traballo, ben con novas operacións, ben refinanciando operacións anteriores”.

Neste sentido, Conde sinalou que, desde o 2009, o Igape concedeu máis de 55.000 axudas ás empresas galegas e mobilizou 350 millóns de euros en avais, ao tempo que Xesgalicia, só durante o 2012, aprobou financiamento para o tecido empresarial por un importe global superior aos 45 millóns de euros.

“O Goberno galego preocúpase por todas e cada unha das empresas que o están a pasar mal, e por iso colaboramos, na medida das nosas posibilidades, na súa recuperación”, incidiu o conselleiro. Un esforzo que se traduce en resultados concretos e que indican que, “aínda que queda moito traballo por facer, Galicia vai polo bo camiño”, e que “as políticas de apoio ás empresas levadas a cabo pola Xunta están a ser as axeitadas”.