A Xunta pon a disposición das pemes un novo programa a prol da innovación, que mobilizará ata 25 millóns de euros

2013-09-05
  • O programa dotado con 14 millóns de euros de financiamento público, pretende incentivar a colaboración entre pemes e centros de coñecemento e desenvolver proxectos innovadores que melloren a competitividade destas empresas
  • Para acceder a esta liña, os proxectos terán que contar cun orzamento mínimo de 600.000 euros, o que cubre o tramo inmediatamente anterior ao mínimo exixido polo Interconecta, dirixido a proxectos de máis de 1,5 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa tras o Consello, a posta á disposición das pemes dun novo programa a prol da innovación, que mobilizará ata 25 millóns de euros. “Hoxe publicamos no Diario Oficial de Galicia un novo programa dotado con 14 millóns de euros de financiamento público que mobilizará un total de 25 millóns e que está destinado a potenciar a innovación nas pequenas e medianas empresas de Galicia”. O obxectivo, segundo avanzou o mandatario galego, é lograr a colaboración entre as pemes e os centros de coñecemento –tanto os centros tecnolóxicos como as universidades- para desenvolver proxectos innovadores que melloren a competitividade das pemes en Galicia.

Ao fío disto, Feijóo subliñou que o programa Conecta Pemes incentiva a innovación para a mellora competitiva das pequenas e medianas empresas, fomentando o desenvolvemento de proxectos de colaboración: entre un mínimo de 3 empresas e un máximo de 6; e a participación de, polo menos, un centro tecnolóxico ou de investigación.

Estes proxectos terán que contar cun orzamento mínimo de 600.000 euros, o que cubre o tramo inmediatamente anterior ao mínimo exixido polo Innterconecta, dirixido a proxectos de máis de 1,5 millóns.

O Conecta Pemes configúrase como “unha vía idónea para o acceso á innovación de sectores cunha maior presenza de pequenas e medianas empresas” como a biotecnoloxía, o téxtil, o audiovisual ou o granito. O programa ten por obxectivo apoiar proxectos innovadores que supoñan un alto impacto económico, polo que se valorará o novidoso das tecnoloxías xeradas, pero ademais, e moi especialmente, a súa capacidade para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico de Galicia, explicou Feijóo.

No caso de proxectos de investigación industrial, as pequenas empresas poderán beneficiarse de subvencións de ata o 60% e as medianas de ata o 50%. E, no caso das iniciativas de desenvolvemento experimental as porcentaxes ascenden ata o 80% para as pequenas empresas e o 75% para as medianas.

Así mesmo, coa finalidade de garantir a adecuada presenza dos centros tecnolóxicos e de investigación no desenvolvemento dos proxectos, a contratación dos mesmos debe supoñer un mínimo do 15% do orzamento total. Desta forma, o programa reserva 4 millóns de euros da súa dotación ao financiamento de I+D e á transferencia de coñecemento aplicado desde estes organismos.

Os proxectos poden abordar calquera ámbito temático, considerándose especialmente os que actúen sobre áreas estratéxicas nas que Galicia posúe contrastada potencialidade –saúde, alimentación, agricultura, pesca, biotecnoloxía, enerxía…-; prevense anticipos de ata o 50% da totalidade da axuda; e as pemes galegas terán un mes de prazo, a partir da publicación hoxe da convocatoria no DOG, para solicitar as axudas.

“En definitiva –incidiu Feijóo- hai unha liña de axudas que poñemos este ano como novidade para as empresas que querendo innovar non teñen dimensión para proxectos como mínimo de 1,5 millóns de euros, senón que teñen unha dimensión máis modesta; polo tanto, todos os proxectos de innovación que teñan como mínimo un orzamento de 600.000 euros poderán atopar aquí unha axuda pública para mellorar a competitividade da nosa economía”, concluíu.