O presidente da Xunta salienta os resultados da segunda convocatoria do Innterconecta, que garanten un investimento de 153 millóns de euros en 79 proxectos de innovación de 292 empresas galegas

2013-07-18
  • Constata que “en Galicia hai interese por competir, hai interese por innovar e hai interese por saír da situación de crise económica na que estamos”
  • Destaca que nas iniciativas seleccionadas hai 281 grupos de investigación de 32 entidades, aos cales se destinarán 33,6 millóns de euros, case tres veces máis que na anterior convocatoria, o que lles permitirá consolidarse e incrementar a contratación de persoal cualificado
  • Resalta que actualmente en Galicia, “entre o Innterconecta 1 e o 2, temos 210 millóns de euros investidos en innovar, en mellorar a competitividade da nosa economía, en proxectos nos que participan 400 empresas, cunha media de 3,7 empresas por proxecto”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe os resultados da segunda convocatoria do programa Interconecta, que garante unha inxección de 153 millóns de euros en 79 proxectos de innovación, presentados por 292 empresas galegas. O mandatario autonómico resaltou que esta nova edición da iniciativa duplica a mobilización económica da anterior e “supera con creces” as contías das outras autonomías que conseguiron acceder aos fondos europeos para proxectos de alto impacto en I+D, cofinanciados aquí pola Xunta e o Goberno central.

Lembrou que na primeira convocatoria se mobilizaron 60 millóns de euros que financiaron 26 proxectos, nos que participaron 106 empresas. “Hoxe constatamos que os empresarios galegos seguen querendo aproveitar esa oportunidade e constatamos que o Innterconecta 2 logrou incrementar, duplicar o éxito do Innterconecta 1”, resaltou Feijóo.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta indicou que, mentres a mobilización de fondos se duplica, o número de proxectos que recibirán financiamento se multiplica por tres, chegando a un total de 79. “Cada euro da axuda pública mobiliza un euro de investimento privado, e de aí que hoxe teñamos garantido unha inxección de 153 millóns de euros para a innovación nas empresas e nos centros tecnolóxicos en Galicia”, resaltou o titular da Xunta.

Alberto Núñez Feijóo informou de que, entre as iniciativas seleccionadas están 281 grupos de investigación de 32 entidades, ás que se destinarán 33,6 millóns de euros, “que posibilitarán incrementar a contratación de persoal cualificado, é dicir, de investigadores”, dixo. Concretou, ademais, que nos proxectos apoiados participan 292 empresas galegas, das cales 2 de cada 3 son pequenas empresas, unha porcentaxe que se eleva ao 70 por cento se se inclúe a categoría de pequena e mediana empresa.

Salientou que nesta segunda convocatoria do Interconecta, a participación privada se multiplica por tres con respecto á anterior convocatoria, pasando de 106 a 292 empresas beneficiarias. Segundo dixo, isto “significa que en Galicia hai interese por competir, hai interese por innovar e hai interese por saír da situación de crise económica na que estamos”, resaltou Feijóo.

Por riba das partidas das outras autonomías

O titular da Xunta detallou que os fondos mobilizados ao abeiro do Innterconecta 2 en Galicia “superan con creces” as aprobados para as outras dúas autonomías que puideron presentar candidatura nesta edición, xa que son un 50 por cento superiores aos de Andalucía, con 49 millóns e medio, e 10 veces superiores aos de Estremadura, con 7 millóns de euros.

Consonte detallou, a Xunta achega o 20 por cento do programa, 15 millóns de euros, e conseguiu rebaixar a exixencia do investimento mínimo dos proxectos desde os 5 millóns ata 1,5 millóns, o que permite abrir a convocatoria a moitas empresas galegas que antes non podían.

Os proxectos seleccionados desenvolveranse en sectores como a enerxía, o medio ambiente e a loxística, en que se mobilizarán 37 millóns de euros; a saúde e o benestar, con proxectos que suporán 27,8 millóns; ou a nanotecnoloxía, os materiais e as tecnoloxías da produción, con 27,9 millóns. Así mesmo, o Innterconecta impulsará a innovación no naval, onde se investirán 17,8 millóns, ou na automoción, con proxectos por 9,6 millóns de euros. Destacou, ademais, Feijóo que o 35 por cento do total de empresas e proxectos seleccionados están situados na área metropolitana de Vigo.

O titular da Xunta rematou destacando que o Goberno galego está a cumprir os seus compromisos en materia de innovación e, neste momento, “en Galicia, entre o Interconecta 1 e o 2, temos 210 millóns de euros investidos en innovar, en mellorar a competitividade da nosa economía, en proxectos nos que participan 400 empresas, cunha media de 3,7 empresas por proxecto”.