Conde destaca a aposta pola innovación da ourensana Rodríguez López Auto como clave para producir o 60% dos vehículos especiais que se venden en España

2013-07-16
  • Percorre as instalacións de Rodríguez López Auto, que participa en dous proxectos do programa Innterconecta 2 que suman 4,2 millóns de euros
  • Tamén realizou unha visita á empresa de fabricación de vehículos UNVI, que exporta o 90% da súa produción
  • Reúnese coa directiva da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, e subliña o compromiso do Goberno galego coas súas infraestruturas e empresas

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a aposta pola innovación da empresa ourensana de fabricación de vehículos especiais Rodríguez López Auto, que participa en dous proxectos que hoxe foron elixidos para o seu desenvolvemento dentro do Innterconecta 2, un plan xestionado polo Centro de Desarollo Tecnológico Industrial (CDTI) en colaboración co Goberno galego. Durante unha visita ao polígono de San Cibrao das Viñas, Conde percorreu as instalacións da compañía, e subliñou que a constante aposta pola innovación levouna a fabricar o 60% dos vehículos especiais que se venden en toda España, e tenlle permitido incrementar a súa facturación e aumentar o plantel en case un 50% nos últimos tres anos.

Esta compañía xa foi clave na primeira edición do Innterconecta, liderando un proxecto de 1,2 millóns de euros para o desenvolvemento de ambulancias eléctricas cun sistema de asistencia médica remota. Precisamente, os responsables da empresa presentáronlle a Conde estas vangardistas ambulancias desenvolvidas grazas ao programa Innterconecta, que consolidan a firma como líder español no seu sector.

Nesta segunda convocatoria do programa, a empresa participará en dous proxectos innovadores: unha solución tecnolóxica integral no eido das urxencias sanitarias, e unha plataforma de comunicacións que conecta infraestruturas e vehículos en cidades intelixentes. Entre ambos, mobilizarán investimentos públicos e privados de 4,2 millóns de euros.

A calidade na fabricación de buses a medida de UNVI

Conde tamén percorreu hoxe as instalacións doutra empresa ourensana líder no seu respectivo eido, e tamén situada en San Cibrao, a compañía de fabricación de vehículos UNVI, que recibiu desde a súa fundación un apoio da Xunta superior aos 2 millóns de euros entre participacións, préstamos, avais e axudas. Participada pola ferramenta de capital risco da Consellería de Economía e Industria, XesGalicia, e co apoio tanto do Igape como da Axencia Galega de Innovación, a empresa está focalizada nos mercados exteriores, exportando o 90% da súa produción.

Neste senso, Conde subliñou a UNVI como mostra de cooperación público privada no eido do deseño, a innovación e a internacionalización, e salientou a súa capacidade de adaptación para responder á demanda do mercado. Exemplo desa capacidade son os autobuses a medida fabricados pola compañía en San Cibrao, que contan cunha calidade superior á dos seus competidores estranxeiros.

Compromiso cos empresarios

Durante a súa visita ao parque industrial, o conselleiro reuniuse coa xunta directiva da Asociación de Empresarios. Conde nomeou a San Cibrao como un dos grandes motores industriais de Galicia, con máis de 300 empresas que dan emprego a 8.000 persoas, agrupando o 18% da facturación de toda a provincia.

Conde resaltou o compromiso do Goberno galego co tecido industrial da zona, que se traduce en constantes apoios da Xunta tanto ás propias infraestruturas do polígono como ás súas empresas. Precisamente, Conde trasladou aos empresarios ourensáns o amplo marco de axudas ás empresas despregado pola Consellería de Economía e Industria, tanto para o emprendemento como para a innovación e a internacionalización, fundamentalmente a través do Igape e a Axencia Galega de Innovación.