Feijóo salienta que, no último ano, a Xunta rebaixou ata un 20% o valor de mercado dos inmobles para adaptalo á evolución dos prezos

2013-07-04
  • O Consello da Xunta tamén aprobou hoxe a mobilización de 8 millóns de euros para a mellora das capacidades investigadora, innovadora e tecnolóxica das empresas galegas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou hoxe que, no último ano, o Goberno galego rebaixou ata case un 20% o valor de mercado dos inmobles na comunidade co fin de adaptalo á evolución dos prezos no sector inmobiliario. Así o sinalou na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que hoxe abordou a revisión, á baixa, para o segundo semestre deste exercicio da orde anual que regula o valor de mercado da vivenda a efectos fiscais.

Deste xeito, segundo relatou Feijóo, no segundo semestre de 2013, a Administración galega vai aplicar naqueles concellos que sexan “máis dinámicos” na evolución de prezos –que representan un 83% da poboación – unha diminución dun 8%, no caso das vivendas novas e dun 12%, no caso das vivendas usadas. Unha rebaixa que, segundo adiantou o mandatario autonómico, se sumará á redución do 7% aplicada hai un ano.

No caso dos concellos con menor dinamismo –que representan o 17% da poboación-, a Xunta aplicará unha diminución do 4% nas vivendas usadas.

“Hoxe decidimos revisar, con efectos de 1 de xullo, unha redución para o segundo semestre deste ano 2013”, aseverou Feijóo, remarcando que se trata da “segunda revisión á baixa que ten acometido a Xunta.

O mandatario galego lembrou que este sistema se implantou “por primeira vez no ano 2011” e consiste en estipular o que “a administración autonómica vai cobrar en función da adquisición ou da transmisión de vivendas en función do municipio ou do lugar de cada municipio onde radica esa vivenda”.

“Polo tanto, tentamos que os prezos se axusten ao máximo á realidade de cada momento”, aseverou, incidindo en que se trata dun sistema “que ofrece información obxectiva e que, en consecuencia, o contribuínte sabe exactamente que é o que ten que pagar para non ter ningún pago complementario e para ter as súas obrigas zanxadas coa facenda autonómica”, indicou.

Sistema máis xusto e con vantaxes para administracións e administrados

“Dotámonos dun sistema máis xusto”, afirmou Feijóo, afondando nas vantaxes desta revisión de prezos, tanto para a administración como para os administrados. No caso da Administración, argumentou que hai un sistema de xestión tributaria “máis eficiente e máis útil na loita contra o fraude fiscal, xa que non deixamos a xuízo de cada taxador a decisión do que vale un inmoble, un piso, unha vivenda en cada cidade, senón que decidimos e publicamos o que entendemos que é o valor, a efectos tributarios, das distintas vivendas que existen en calquera dos municipios de Galicia”. Canto aos cidadáns, o presidente galego salientou que existe unha norma “concreta que lles facilita calcular os impostos que teñen que aboar e, en consecuencia, non incorrer, en ningún caso, nunha liquidación complementaria”, apostilou.

Mobilización de 8 millóns de euros en innovación

O Consello da Xunta tamén aprobou hoxe a mobilización de 8 millóns de euros na mellora das capacidades investigadora, innovadora e tecnolóxica das empresas galegas. Trátase, segundo adiantou Feijóo, dunha nova edición do Programa de investimentos innovadores para o crecemento empresarial que permitirá “financiar aproximadamente 30 proxectos enfocados, basicamente, á consecución de novos produtos ou de novos servizos”.

Segundo explicou, as pequenas empresas poderán beneficiarse de subvencións de ata o 50%; as medianas de subvencións de ata o 40%; e as grandes nun máximo do 30%. Tamén se establecerán anticipos por valor do 25% do total da contía da axuda concedida co obxecto de optimizar a eficacia dos investimentos públicos en I+D+i, permitíndolles aos beneficiarios contar cunha parte importante das axudas nun prazo moi breve de tempo desde da resolución, o que contribúe a unha mellora da súa liquidez.

Deste xeito, as empresas galegas poderán solicitar axudas para proxectos de entre 50.000 e 300.000 euros destinados a adquirir equipamentos innovadores para novos centros produtivos, ou a mellora dos centros produtivos existentes, que teñan como finalidade desenvolver produtos e procesos novos. A subvención máxima neste caso chegará ata os 150.000 euros por proxecto.

Tamén se recolle dotación de departamentos de I+D nas empresas para ampliar a súa capacidade tecnolóxica e innovadora, sempre que o proxecto teña un custo subvencionable superior aos 30.000 euros. A contía máxima destas axudas pode chegar aos 100.000 euros por proxecto.

Finalmente, subvencionaranse con ata 20.000 por solicitude a adquisición de dereitos de explotación relativos a innovacións técnicas para facilitar o acceso de tecnoloxía.

“En definitiva –subliñou Feijóo-, imos seguir traballando as dúas liñas: a que trouxemos a semana pasada [activada polo Igape para a reorientación e competitividade das pemes galegas] e esta de hoxe, que mobilizan un total de 18 millóns de euros dedicados á innovación para a renovación de equipamentos e maquinaria de pemes galegas”, concluíu.