A Axencia Galega de Innovación destaca o talento, as pemes e o investimento privado como focos do I+D+i galego ata o 2020

2013-06-28
  • O director da Axencia Galega de Innovación reúnese con representantes da administración local, centros de coñecemento, empresarios, clústers, fondos de investimento privado e de fundacións, para deseñar os futuros instrumentos de apoio público ao Sistema Galego de Innovación
  • Manuel Varela avanza as prioridades de investimento en materia de innovación no marco da Estratexia de Especialización Intelixente, que Galicia está a elaborar para ter acceso a 2.000 millóns procedentes de fondos estruturais

A Axencia Galega de Innovación márcase como prioridades na súa estratexia para o período 2014-2020 que os investigadores galegos teñan unha maneira clara e eficaz de chegar ao mercado, que as PEMES innoven de maneira eficiente e que o capital privado acade un elevado nivel de compromiso investidor en I+D+I. Así o avanzou o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, durante o encontro de traballo celebrado esta mañá en Santiago con medio centenar de responsables de administracións locais, universidades, centros de coñecemento, clústers, CSIC, fondos de investimento, fundacións e empresas para avanzar na elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

Esta estratexia establecerá un número limitado de áreas concretas de coñecemento e actividade económica que verdadeiramente representan oportunidades estratéxicas para o crecemento de Galicia. Segundo lembrou Varela, dela dependen non só unha parte moi importante dos 2.000 millóns de euros procedentes de fondos FEDER e FSE que a Unión Europea (UE) porá a disposición de Galicia os próximos sete anos, senón a competitividade e crecemento futuros da economía galega.

Neste punto do proceso, Varela explicou que a primeira prioridade de investimento é o soporte ao talento, especialmente mediante o apoio aos investigadores que consigan orientar o seu traballo ás demandas e necesidades do mercado. Neste senso, explicou que se lle prestará unha especial atención á transferencia de resultados de investigación, o que implicará unha estratexia específica que permita, desde a administración, ofrecer solucións prácticas a problemas relacionados coa explotación comercial destes resultados, e a simplificación dos trámites burocráticos.

Varela situou como segunda prioridade a mobilización do capital privado, co obxectivo de que o compromiso investidor das empresas en I+D+I dea un salto cualitativo á marxe dos apoios económicos públicos. A lista de aspectos que centrarán a atención da Xunta neste ámbito completarase coa innovación eficiente nas PEMES, mediante o soporte específico á implantación dunha xestión profesional e experta e de dinámicas asociadas á innovación aberta, é dicir, á colaboración con outras empresas e con centros tecnolóxicos e de investigación.

Os instrumentos e as vías específicas para canalizar o apoio da Xunta aos axentes do Sistema Galego de Innovación, con estas prioridades como folla de ruta, centraron a reunión de traballo celebrada hoxe. É un paso máis cara á elaboración final da Estratexia de Especialización Intelixente para Galicia, logo de que o mes pasado máis de 200 axentes representativos de todo o Sistema de Innovación presentasen as súas propostas conxuntas sobre retos temáticos a establecer. Algúns deles son converter a Galicia nun provedor da industria aeronáutica; desenvolver as tecnoloxías, servizos e loxística da biomasa; aproveitar os residuos e subprodutos do sector agroforestal e a súa industria transformadora; desenvolver novos materiais e aplicar tecnoloxías facilitadoras, como a nanotecnoloxía, ás principais industrias tractoras galegas (téxtil, naval, eólica, agroalimentaria, automoción ou forestal, entre outras); potenciar a comercialización do turismo cultural; aplicar as TIC para favorecer o envellecemento activo; e innovar en nutrición.

O director da Axencia Galega de Innovación apuntou que, en paralelo á elaboración da estratexia intelixente para o futuro, a Xunta xa puxo en marcha instrumentos que permiten avanzar neste camiño. É o caso do programa FEDER-INNTERCONECTA, que canaliza o apoio a proxectos de innovación de alto impacto público-privados e que entre as dúas convocatorias realizadas ata o de agora mobiliza un investimento de máis de 210 millóns de euros. Tamén o da liña de apoio específico a PEMES a punto de activar ou os contratos-programa que se asinarán ao longo do mes que vén, para apoiar con 4,5 millóns de euros a actividade dos centros tecnolóxicos e de investigación, sobre todo no que se refire á súa actividade de transferencia.