Conde salienta que a aposta pola internacionalización do sector da madeira permitiu aumentar as exportacións ata os 690 millóns

2013-06-28
  • O Conselleiro de Economía participou na Asemblea anual do clúster do sector
  • Sinalou que parte dos bos resultados conseguidos responden tanto ao compromiso do Goberno galego co sector como á estratexia da Xunta para impulsar a innovación e a internacionalización da economía galega
  • Os apoios da Xunta ao sector durante os últimos catro anos mobilizaron 100 millóns de euros

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe o éxito das exportacións galegas de madeira, que en 2012 supuxeron preto de 690 millóns de euros, un 2,5% máis que o ano anterior. Durante a Asemblea do Clúster da Madeira de Galicia, Conde subliñou a importancia dos mercados exteriores para un sector que supón o 3,5% do PIB galego e da que dependen preto de 70.000 persoas na comunidade, e destacou que os indicadores económicos prevén que as vendas ao exterior serán aínda mellores no 2013: só en abril, as exportacións creceron un 5% máis que no mesmo mes de 2012.

Neste senso, sinalou que parte deses bos resultados responden tanto ao compromiso do Goberno galego co sector como á estratexia da Xunta para impulsar a innovación e a internacionalización da economía galega. No primeiro eido, Conde sinalou que durante os últimos catro anos a Xunta respaldou ao sector con apoios de 35 millóns de euros, que mobilizaron investimentos que sumaron 100 millóns de euros.

En canto aos apoios directos á internacionalización o conselleiro referiuse en primeiro lugar a plans estratéxicos como Primex, que promove proxectos de cooperación entre empresas para a primeira implantación no exterior, ou o Re-Export, para a concesión de avais de cara a operacións de exportación.

Con obxecto de gañar vantaxes competitivas que permitan competir nos mercados exteriores, Conde salientou a importancia da innovación, e subliñou o compromiso do sector madereiro galego neste eido: cinco dos proxectos presentados á convocatoria de fondos europeos Innterconecta, a través do que Galicia mobilizará 150 millóns de euros, pertencen á industria madereira, o que da mostras da súa clara vocación innovadora.

Conde subliñou o papel que está chamado a desempeñar en ambos procesos o clúster da madeira, e salientou a decidida aposta que está a realizar a Xunta en apoio ás organizacións de cooperación entre empresas galegas. Neste senso, lembrou que o Consello da Xunta ven de aprobar unha nova liña de apoio específico aos clústers excelentes, dotada con 4,2 millóns de euros, e coa que se facilitará o desenvolvemento de plans estratéxicos no período 2013-2015. Este novo respaldo do goberno galego ten como obxectivos principais mellorar a competitividade das pemes, apoiar os investimentos de impulso tecnolóxico e innovación, e fomentar a captación de novas empresas e o desenvolvemento de programas de formación.

O conselleiro de Economía e Industria defendeu ademais a importancia do sector madereiro para xerar liquidez nas familias galegas. O ano pasado o 7% delas cortou madeira, percibindo 250 millóns de euros, o que converte ao sector forestal nun claro soporte directo para moitos propietarios do rural.