Feijóo anuncia a posta en marcha en xullo da primeira liña de axudas específica para fomentar a I+D nas pemes como unha proba máis de que “ser empresario en Galicia non é un salto ao baleiro”

2013-06-27
  • Destaca que a iniciativa, dotada con 12 millóns de euros e a capacidade de mobilizar entre 25 e 30, quere achegar ás pequenas e medianas empresas “a exitosa experiencia das dúas convocatorias Interconecta”
  • Garante que “quen nesta terra se decida a emprender ou a ampliar o seu negocio contará cunha ampla rede de apoio que minora, en gran medida, as dimensións do risco”
  • Salienta o impulso da Lei do emprendedor, do plan para facilitar o acceso ao solo industrial e a multiplicación dos recursos á disposición das empresas para a innovación e a internacionalización
  • Remarca que, grazas a un cambio de rumbo na xestión dos recursos públicos, Galicia se dotou dunha imaxe de solvencia que lle permite “financiarse nos mercados con comodidade”, incrementar as prestacións públicas e mesmo aplicar xa “estímulos de reactivación” económica
  • Apunta que decisións como a do Grupo Calvo de seguir investindo en Galicia e incrementar os cadros de persoal cando tres cartas partes das súas vendas se producen fóra “representan a esencia do verdadeiro galeguismo” e son proba da confianza nas capacidades do país

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha en xullo da primeira liña de axudas específica para fomentar proxectos de I+D+i nas pemes, como unha proba máis de que “ser empresario en Galicia non é un salto ao baleiro”. Así o dixo o titular do Executivo autonómico no acto de entrega do premio ao Liderado Empresarial concedido pola Confederación de Empresarios da Coruña a José Luis Calvo, presidente do Grupo Calvo.

Segundo concretou, esa liña de axudas, ‘Conecta Peme’, está dotada con 12 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder e con capacidade para mobilizar entre 25 e 30 millóns de euros. O seu obxectivo é, explicou, achegar ás pequenas e medianas empresas “a exitosa experiencia das dúas convocatorias Interconecta”.

Na súa intervención, Feijóo garantiu que “quen nesta terra se decida a empender ou a ampliar o seu negocio contará cunha ampla rede de apoio que minora, en gran medida, as dimensións do risco”. Referiuse así á Lei do emprendedor remitida pola Xunta o Parlamento para a súa tramitación, que limita a 24 horas o prazo máximo para abrir unha empresa e reduce o custe de facelo grazas a unha rebaixa selectiva de catro impostos con efectos desde o 1 de xaneiro de 2013.

Ne mesma liña situou a posta en marcha do plan para facilitar o acceso ao solo industrial na Comunidade, que rebaixa os prezos nunha media do 20% e facilita o seu pagamento. E subliñou que se multiplican tamén “os recursos á disposición das empresas para aplicar as receitas que consideramos imprescindibles para superar as dificultades nas mellores condicións de competitividade: a innovación e a internacionalización”.

Sobre o primeiro aspecto, resaltou que a Xunta contará como principal vehículo coa Axencia Galega de Innovación, “que canaliza un conxunto de iniciativas e axudas que superan nun 45% os recursos destinados a este obxectivo polo anterior goberno”. Ao respecto da internacionalización, destacou que seguirá a ser unha estratexia prioritaria do Goberno galego, que incrementa a partida destinada a este fin nos Orzamentos da Comunidade nun 10%.

Políticas de estímulo

O presidente galego presentou estas medidas como “estímulos de reactivación” económica que Galicia está en condicións de aplicar logo de blindarse “fronte ao perigo de quebra”. Resaltou que, grazas a un cambio de rumbo na xestión dos recursos públicos, Galicia se dotou dunha imaxe de solvencia que lle permite “financiarse nos mercados con comodidade”, incrementar as prestacións públicas e, “ao conxurar o risco de rescate, manter a súa liberdade de acción”.

No seu discurso, Feijóo afirmou que contamos “con indicios dabondo para desbotar o medo e afrontar con decisión os desafíos da crise, pois non hai dúbida de que, malia os atrancos, camiñamos sobre un terreo de acreditada firmeza”. Como proba diso, expuxo que Galicia ten unhas contas públicas responsables e é, de feito, a única autonomía que cumpriu durante catro anos os límites do déficit establecidos; que se mantén nunha taxa de paro inferior á media nacional, e que a súa débeda é menor que a da maioría das comunidades.

Ao seu xuízo, existen tamén mensaxes de confianza nas capacidades de Galicia. “Decisións como a do Grupo Calvo, de continuar investindo en Galicia e de incrementar os seus cadros de persoal na Comunidade, nun momento en que tres cuartas partes dos seus ingresos proceden de fóra de España, representan a esencia do verdadeiro galeguismo. Mais son tamén proba dunha aposta polo país e de confianza nas súas posibilidades”, resaltou.

Referiuse tamén ás decisións de Pemex, Inditex ou Citröen de confiar en Galicia para os seus investimentos e asegurou que as súas decisións son atinadas, como proba o incremento das exportacións dun 38% rexistrado no mes de abril, o que acredita, dixo “que os produtos que saen das factorías galegas interesan cada vez máis no mundo”.