Feijóo compromete o apoio da Xunta para vestir o futuro do sector téxtil galego, ao que empraza a expandir o seu mapa de vendas como marca de innovación e calidade

2013-06-27
  • Apunta que o sector téxtil-confección representa o 6,5% do PIB industrial de Galicia, e destaca que só o pasado ano facturou en exportacións un total de 3.500M€ e, no primeiro cuadrimestre de 2013, incrementou as exportacións un 23% máis que no mesmo período do ano pasado
  • “Nos últimos anos Galicia conseguiu ser un polo de moda en Europa. Somos un polo de moda, de deseño, de calidade e de fabricación téxtil”, asegura, para destacar que o téxtil galego é “un sector clave”, “unha marca e unha bandeira de innovación, de tecnoloxía, de internacionalización, de calidade, de deseño e, en consecuencia, de moda”

O presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu hoxe o apoio da Xunta para vestir o futuro do sector téxtil galego, o que emprazou a expandir o seu mapa de vendas como marca de innovación e calidade. Así, o mandatario galego avanzou axudas para apoiar as empresas téxtiles galegas para publicitarse en diversos medios e eventos, e penetrar en novos mercados. “Imos acompañarvos con axudas en campañas para poder publicitarvos en plataformas de moda fóra de España, e imos acompañarvos na exposición comercial en cinco países, o que chamamos Plan América: Chile, Colombia, México, Panamá e Perú”, adiantou.

Así mesmo referiuse á posta en marcha da Plataforma Tecnolóxica Galega Téxtil-Moda; á colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para establecer o primeiro catálogo de provedores e solucións TIC galegas para o téxtil; ao programa Empregatex, para atenuar os efectos da crise no sector; e a outros proxectos orientados a aproveitar a sinerxías da Eurorrexión, como o Euroclustex Plus.

O presidente da Xunta clausurou hoxe na Coruña o I Foro económico do negocio da moda, que reúne os profesionais da industria téxtil de Galicia e o norte de Portugal, e supón, dixo, un espazo de concertación no que articular os fíos cos que tecer o futuro da industria da moda en Galicia, e no que empresa, moda e comunicación entrecruzan estratexias para afrontar asuntos como o aprovisionamento, a internacionalización ou as vías de acceso ao crédito.

Marca e bandeira da innovación

Feijóo definiu o téxtil galego como un sector clave, “unha marca e unha bandeira de innovación, de tecnoloxía, de internacionalización, de calidade, de deseño e, en consecuencia, de moda”. “Nos últimos anos Galicia conseguiu ser un polo de moda en Europa. Somos un polo de moda, de deseño, de calidade e de fabricación téxtil”, insistiu, logo de lembrar que este sector representa o 6,5% de todo o PIB de Galicia; en exportacións, case o 16% (3.500 millóns de euros o pasado ano); e que neste primeiro cuadrimestre do ano, as exportacións creceron un 23% con respecto ao primeiro cuadrimestre de 2012.

O titular da Xunta fixo referencia, tamén, ao clúster do téxtil COINTEGA, que integra tamén a Confederación de Industrias Téxtiles galegas, como unha ferramenta que interconecta todo o tecido empresarial deste sector, e que actúa como o seu interlocutor. Confórmano, dixo, 99 empresas que dan emprego a 7.000 traballadores, e que facturaron no 2011 máis de 1.227 millóns de euros, excluíndo ao grupo Inditex.

Por último, Feijóo aseverou que estas cifras son “suficientemente explícitas” para seguir apostando polo sector a pesar da crise. E, neste sentido, lembrou que o Consello da Xunta vén de aprobar, por primeira vez, unha liña de axudas de máis de 4 millóns de euros destinados aos clústers, “aos 12 clústers, onde o téxtil é un dos máis importantes”. “Estamos a falar de 4 millóns destinados á elaboración de plans estratéxicos entre 2013-2015, á innovación e á contratación en materia de formación”, concluíu.