Conde anuncia que o sector téxtil estará incluído dentro dos retos da estratexia de especialización intelixente RIS3

2013-06-27
  • Participou no primeiro Foro Económico do Negocio da Moda en Galicia, organizado polos clústers do sector en Galicia e Portugal
  • Destaca o papel da moda galega como embaixador da Marca Galicia e como reforzo da imaxe de calidade e solvencia das empresas da comunidade
  • Subliña o compromiso da Xunta cos clústers galegos e presenta un novo plan de 4,2 millóns en axudas a estas agrupacións de empresas, co obxectivo de apoiar a competitividade, a innovación e a formación de talento
  • Salienta que “Galicia é unha terra onde se sabe xestionar con excelencia o negocio da moda”

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou hoxe que o sector téxtil galego estará incluído dentro dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), o documento que marcará as directrices de investimento de 1.200 millóns de Fondos Feder que Galicia recibirá entre 2014 e 2020 para dedicar a innovación, eficiencia enerxética e apoio á competitividade das pemes. A estratexia está a ser elaborada nestes momentos pola Xunta e 200 axentes do Sistema Galego de Innovación, e identificará un grupo de retos nos que Galicia focalizará o seu investimento. Unha vez rematado, este análise será enviado a Bruxelas.

Conde participou no primeiro Foro Económico do Negocio da Moda en Galicia, organizado por Euroclústex Plus, a organización que agrupa aos clústers do sector en Galicia (Cointega) e Portugal. O conselleiro subliñou o compromiso do goberno galego co sector téxtil, e neste senso avanzou que proximamente se convocará unha nova orde de axudas á promoción do sector que suporá un investimento de medio millón de euros.

“Galicia é unha terra onde se sabe xestionar con excelencia o negocio da moda”, defendeu Conde, que salientou a boa marcha das exportacións téxtiles galegas, que creceron un 15% en 2012 con respecto ao ano anterior.

Neste senso, subliñou o apoio da Xunta á internacionalización do sector, e sinalou que desde 2010, o Goberno galego apoiou máis de 300 proxectos de exportación de empresas galegas do téxtil. Ademais, salientou a colaboración co clúster nese proceso, e destacou a colaboración do Igape con Cointega nun proxecto para o desembarco de oito compañías no mercado latinoamericano, o Plan América.

O conselleiro destacou o papel clave que desempeña a moda Galega na proxección de Galicia, e neste senso destacou o seu papel como embaixadora da Marca Galicia en todo o mundo, trasladando unha imaxe das empresas galegas asociada á calidade e á solvencia.

Conde sinalou aos clústers como un instrumento clave para a innovación e a internacionalización, e lembrou o apoio constante que reciben da Xunta. Precisamente, resaltou, o Consello da Xunta ven de aprobar hoxe unha nova orde de axudas de 4,2 millóns de euros para a consolidación dos clústers excelentes. Este novo respaldo do goberno galego á cooperación entre as empresas ten como obxectivos principais mellorar a competitividade das pemes, apoiar os investimentos de impulso tecnolóxico e innovación, e fomentar a captación de novas empresas e o desenvolvemento de programas de formación.