Economía e Industria destaca a traxectoria innovadora da empresa de Nigrán Marine Instruments como chave do seu crecemento

2013-06-25
  • O director da Axencia Galega de Innovación asistiu á presentación da nova sede da compañía pontevedresa, líder mundial na fabricación de boias satelitarias para o sector do atún
  • A empresa, que celebra o seu décimo aniversario, aproveitou varios instrumentos de financiamento habilitados pola Xunta para mellorar a súa competitividade

O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, asistiu esta mañá en Nigrán á presentación da nova sede de Marine Instruments, empresa líder mundial na fabricación de boias satelitarias para o sector do atún. A empresa, que se instalou no parque empresarial Porto do Molle, celebra o seu décimo aniversario cunha traxectoria innovadora que lle permitiu afrontar con éxito os retos da competitividade e da internacionalización.

Marine Instruments aproveitou ao longo dos últimos anos diferentes instrumentos de apoio habilitados por Economía e Industria para poñer en marcha novos proxectos e produtos, como os máis de 250.000 euros de axudas da Axencia Galega de Innovación nos últimos tres anos que lle permitiron ampliar a súa unidade de I+D e para o desenvolvemento dunha nova boia, un novidoso sistema de salvamento e innovadores sensores mariños para a medición de materia en suspensión e detección de hidrocarburos, entre outros.

Durante os seus dez anos de vida, a empresa consolidouse como fabricante de sistemas de localización e comunicación para o medio mariño e o sector pesqueiro. Na actualidade conta cun cadro de persoal formado por medio cento de persoas cunha alta cualificación, das que aproximadamente o 30% traballa no departamento de I+D. Ademais de contar cunha unidade propia de investigación e desenvolvemento, a empresa mantén colaboracións con centros de coñecemento para aproveitar as súas capacidades en tecnoloxías punteiras.

A súa carteira de clientes, formada por máis de 6.000 empresas e 11.000 barcos, está composta por estaleiros, mercantes, pesqueiros de altura (atuneiros e arrastreiros) e de baixura, megaiates e redes de distribución de electrónica naval.