Conde aborda co novo presidente da Confederación de Empresarios de Ourense estratexias de traballo conxunto

2013-06-04
  • A internacionalización, a innovación, o apoio ao emprendemento e a eficiencia enerxética foron algúns dos temas que centraron a reunión
  • O conselleiro de Economía e Industria mantivo hoxe o primeiro encontro oficial co responsable da CEO, no que se estudaron novas posibilidades de colaboración para impulsar o tecido empresarial ourensán
  • Conde resaltou que a Xunta está a apostar polo Impulsa Ourense como unha ferramenta imprescindible para que a provincia aproveite todo o seu potencial

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe o primeiro encontro oficial co novo presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, José Manuel Pérez Canal, no que tamén participaron o vicepresidente da entidade, José Manuel Díaz, e Julio Andrés López, contador da mesma.

Na reunión o conselleiro e o representante da CEO abordaron estratexias conxuntas para seguir traballando pola reactivación económica da provincia de Ourense. Neste sentido, o conselleiro lembrou que o reequilibrio territorial supón unha prioridade en todas as actuacións da Xunta de Galicia, un eido no que o Impulsa Ourense é unha ferramenta imprescindible para que a provincia aproveite todo o seu potencial.

Así, Conde recordou que este plan ten permitido apoiar case unha vintena de grandes investimentos empresariais, e a mobilización de máis de 50 millóns de euros, e apuntou que durante este ano a discriminación positiva se estende á práctica totalidade das axudas da Consellería para estimular a innovación, a internacionalización ou o emprendemento.

Ademais de seguir avanzando nos eidos de colaboración abertos en ámbitos como a eficiencia enerxética, a internacionalización ou a captación de investimento estranxeiro cara Galicia, nos que a CEO participa en proxectos europeos liderados pola Consellería, a través do Igape e do Inega, no encontro estudáronse novas vías de cooperación en eidos como a innovación ou o emprendemento.

Neste sentido, na reunión avaliáronse posibilidades de traballo conxunto no impulso aos emprendedores, no marco da nova Lei de Emprendemento de Galicia que está a promover a Xunta, e que se configura como un instrumento clave na dinamización económica e na xeración de proxectos e empresas.