Conde destaca a aposta do fabricante ourensán Codeor pola innovación e a internacionalización como clave para crecer e xerar emprego

2013-05-30
  • O Conselleiro de Economía e Industria inaugura as novas instalacións da empresa na localidade ourensana de O Pereiro de Aguiar
  • A Xunta ten respaldado á compañía, que lidera o sector do calzado profesional en Galicia e exporta a distintos países dos cinco continentes Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Australia ou Xapón

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a aposta do fabricante ourensán de calzado profesional Codeor pola innovación e a internacionalización como clave para crecer e xerar emprego. Conde inaugurou as novas instalacións da empresa no polígono de Pereiro de Aguiar, unha expansión que lle permitirá á compañía dar un pulo innovador e duplicar a facturación a curto prazo. A Xunta acompaña a Codeor nesta nova iniciativa, facilitando ferramentas financeiras a un emprendedor que se compromete a súa vez coa sociedade da mellor maneira posible: xerando emprego, xa que a compañía ten previsto incrementar nun 30% o seu número de empregados.

Conde subliñou o carácter emprendedor, innovador e internacionalizador de Codeor, que contou respaldo económico da Xunta para apuntalar o seu crecemento. Así, a empresa ten recibido 2,3 millóns de euros en axudas e préstamos nos últimos catro anos, apoiándose as súas distintas actuacións no marco do Impulsa Ourense.

Do carácter emprendedor, o conselleiro destacou que a empresa foi creada durante a crise económica de 1992, e que en medio doutra situación difícil, volve a apostar polo futuro e o crecemento mediante este novo investimento. Conde salientou ademais a aposta de Codeor pola innovación q destacou que as novas instalacións lle permitirán fabricar calzado por inyección, de maior durabilidade. Tamén puxo como exemplo desta aposta o proxecto de I+D cooperativa Protgal, que une a varias empresas galegas do sector en proxectos innovadores, seguindo a Estratexia de Especialización Intelixente apoiada pola Axencia Galega de Innovación.

O titular de Economía e Industria subliñou tamén que a empresa exporta ao redor do 20% da súa produción a distintos países dos cinco continentes como Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Australia ou Xapón, nun pulo internacionalizador que se alinea coa aposta polo sector exterior que está a facer a Xunta a través de programas como Re-Exporta ou a Rede Pexga.