A Xunta consensúa con máis de 200 axentes os obxectivos estratéxicos da innovación galega ata 2020

2013-05-21
  • Francisco Conde presenta os primeiros retos sobre os que se redactará a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), clave para captar 1.200 millóns de euros de fondos europeos
  • Do traballo levado a cabo sairá un documento este verán que establecerá as áreas prioritarias de inversión en Galicia
  • O Conselleiro de Economía e Industria subliña que os fondos europeos suporán unha oportunidade para converter a Galicia nun polo de atracción de investigadores, que coloquen o tecido produtivo galego á vangarda da tecnoloxía

A Xunta e máis de 200 axentes do Sistema Galego de Innovación están a consensuar os obxectivos da innovación galega ata 2020, unha estratexia da que depende a captación de ata 1.200 millóns de euros de fondos FEDER da Unión Europea entre 2014 e 2020. O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe os primeiros resultados desa colaboración, un traballo que servirá para elaborar a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que debe presentarse este verán ante a Unión Europea.

Conde subliñou a vocación de consenso da Xunta na busca de proxectos que permitan a Galicia medrar en competitividade e xerar emprego, una vontade que está a traducirse nun traballo conxunto de meses con universidades, centros tecnolóxicos, centros do coñecemento, clústers, empresas e profesionais.

Os axentes do Sistema Galego de Innovación distribuíronse en grupos de traballo, que acaban de adiantar 37 propostas en forma de obxectivos que, baixo a visión global que a Xunta imprimirá á proposta final, dan forma ao futuro do tecido produtivo de Galicia. Algúns dos obxectivos propostos son: converter a Galicia nun provedor da industria aeronáutica; desenvolver as tecnoloxías, servizos e loxística da biomasa; aproveitar os residuos e subprodutos do sector agroforestal e a súa industria transformadora; desenvolver novos materiais e aplicar as tecnoloxías emerxentes, como as ciencias de materiais, nanotecnoloxía, nanoeléctrica, biotecnoloxía ou fotónica ás nosas principais industrias tractoras (textil, naval, eólica, agroalimentaria, automoción ou forestal, entre outras); potenciar a comercialización do turismo cultural; aplicar as TIC para favorecer o envellecemento activo, e a innovación en nutrición.

No proceso tomáronse como exemplo 745 casos de empresas galegas que, grazas á I+D+i acadaron o éxito nos seus respectivos sectores, e establecéronse os criterios que determinarán a decisión final acerca de cales serán as áreas prioritarias de inversión en Galicia. Entre eses criterios se inclúen: a existencia de infraestruturas e capacidades clave, o potencial de diversificación, a presenza dunha masa crítica ao longo da cadea de valor, a existencia de tecnoloxías relevantes nas que Galicia sexa competitiva, e a existencia dun desenvolvemento que convertese a Galicia nun nodo local nas cadeas de valor ou nun nodo global de coñecemento.

Conde subliñou que os fondos europeos suporán unha oportunidade para converter a Galicia nun polo de atracción de científicos e investigadores, que coloquen o tecido produtivo galego á vangarda da tecnoloxía, e salientou o papel que na Estratexia de Especialización Intelixente están chamados a xogar os centros tecnolóxicos e os clústers, funcionando coma pontes de coñecemento entre a investigación e a empresa.

“Nos enfrontamos a un dos retos de planificación de maior calado e transcendencia que a Xunta abordou na súa historia recente”, destacou Conde, que destacou que a Estratexia de Especialización Intelixente marcará o futuro de Galicia “non só porque será o instrumento que fará posible a captación de fondos europeos, senón porque será a base sobre a que Galicia planificará todas as súas políticas de innovación ata 2020”.